A RedIRIS-NOVA multiplica por 10 a velocidade da súa rede óptica até chegar aos 100 Gbps

mércores, 9 de decembro do 2020 Redacción

A RedIRIS-NOVA, a rede óptica de alta capacidade despregada por RedIRIS para dar servizo a centros académicos e científicos, anunciou que multiplicará por 10 a velocidade da súa rede óptica até chegar aos 100 Gbps, tras habilitar e pór en marcha, con éxito, novos equipos de última xeración. Esta iniciativa inclúe tamén as troncais da Rede de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia (RECETGA) xestionadas polo Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA).
Segundo informaron fontes de RedIRIS, a conectividade a “moi alta velocidade” é fundamental como infraestrutura troncal de rede e para dar o mellor servizo posíbel ás súas institucións afiliadas. A súa composición consiste en 15.000 quilómetros de fibra óptica e equipamento de rede, óptico e IP. O despregue inicial de RedIRIS-NOVA, que tivo un custo de 105 millóns de euros con máis do 50% de financiamento achegado a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), supuxo en palabras da devandita entidade estatal “un importante cambio de paradigma fronte a versións anteriores da rede troncal nas que se procedía ao aluguer de capacidade”. Pola contra, o novo modelo de rede, baseado en “operar e xestionar fibra óptica propia”, permitiu “incrementar de xeito notábel o largo de banda da rede, cun custo moi inferior, e con moita máis axilidade á hora de aprovisionar novas canles”.

PUBLICIDADE