A Radio e a Televisión de Galicia estarán dixitalizadas antes de 2010

martes, 29 de xaneiro do 2008 Raquel Noya

Segundo un convenio de colaboración asinado esta mañá (de martes 29 de xaneiro) entre a CRTVG e diversas administracións, o ente público vai dixitalizar os seus contidos tanto da Radio como da Televisión Galega antes do vindeiro ano 2010.
Neste proxecto investiranse inicialmente uns seis millóns de euros que servirán para mellorar o traballo das redaccións das empresas audiovisuais públicas e que suporá un cambio no proceso produtivo das mesmas, ofrecendo unha plataforma tecnolóxica na que estará o patrimonio audiovisual de Galicia.
Asemade, ó proceso de dixitalización incorpóranse as tres universidades da nosa terra, a Secretaría Xeral de Comunicación e as Consellerías de Innovación e de Cultura a través da Fundación Cidade da Cultura de Galicia. Este ente público porá a disposición do proxecto o espazo físico para a organización de eventos de cara á súa difusión.
Pola súa banda, a Consellaría de Innovación dará soporte tecnolóxico para este proxecto, cualificado polo seu máximo responsable, Fernando Blanco, “como un cambio necesario e o comezo dun gran proxecto que favorecerá a investigación en Galiza”.

PUBLICIDADE