A RAGC homenaxea a Jimena Fernández de la Vega e entrega as Medallas de Investigación

venres, 8 de outubro do 2021 S. P.

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou este 8 de outubro, no Pazo de Fonseca en Santiago, o acto do Día da Ciencia en Galicia. Nel homenaxeouse a Jimena Mª Francisca Emilia Fernández de la Vega y Lombán (Vegadeo-Asturias, 1895 – Santiago, 1984), pioneira da xenética médica en España como Científica Galega do ano 2021. Asemade, entregáronse as distincións da RAGC a traxectorias senlleiras en investigación para a promoción da ciencia e a tecnoloxía galegas.

O acto central

Neste acto central participou a presidenta do Consello de Estado, María Teresa Fernández de la Vega, sobriña da figura homenaxeada este ano pola RAGC. Ademais, contou coas intervencións do presidente da Academia, Juan Lema; do reitor da USC, Antonio López; e da sobriña neta da homenaxeada, Constanza Sánchez Ferrari, que leu unhas palabras en nome de seu pai, Wenceslao Sánchez Fernández de la Vega –sobriño de Jimena–, que non puido asistir ao evento. Tamén se contou coa presenza do reitor da Universidade da Coruña, Julio E. Abalde; o vicerreitor de Organización Académica e Profesorado da Universidade de Vigo (UVigo), Manuel Ramos Cabrer; o alcalde de Santiago, Xosé A. Bugallo; o alcalde de Vegadeo, César Álvarez; e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; así como outras académicas e académicos da RAGC e representantes de diversas institucións políticas e culturais galegas.
Juan Lema agradeceu sinceramente a presenza de todas as autoridades e deu unha benvida calorosa aos familiares de Jimena, chegados expresamente a Santiago para esta homenaxe desde lugares tan diversos como Arxentina ou desde distintos puntos da xeografía española. “Muller excepcional, un modelo a imitar, como científica pero tamén como persoa, teimuda, intelixente, valorosa, visionaria e xenerosa”, así describiu o presidente da Academia a Jimena, protagonista da publicación Jimena Fernández de la Vega. Un modelo de científica adiantada ao seu tempo presentada na mañá deste 8 de outubro no Consello da Cultura Galega.
A exaltación da súa figura continuou coa proxección do vídeo Jimena, científica e divulgadora, unha produción na que se abordan cuestións persoais e familiares de Jimena e, tamén, o aspecto científico da súa traxectoria, así como a difusión da súa vida e obra na Revista A Ciencia en Galicia co fin de proxectala ao conxunto da sociedade.

Redución da produción científica galega

Neste Día da Ciencia en Galicia, Lema destacou “o labor das científicas e científicos, sen dúbida vocacional, que realizan un traballo dedicado, sostido no tempo e sen ter a certeza de que o seu esforzo sexa válido para resolver problemas específicos, para o que destacou que cómpre o apoio da sociedade. O motor da súa actividade é a procura do coñecemento. A arela por descubrir o descoñecido, a curiosidade insaciable, pretendendo contribuír, nun traballo colectivo e solidario, ao avance da humanidade”.
A Academia aproveitou tamén o acto para facer público un informe comparado, incluído na Revista A Ciencia en Galicia da RAGC, sobre a evolución da produción científica galega no marco das Comunidades Autónomas españolas nos últimos dez anos. Lema apuntou ao respecto que “con este estudo compróbase o avance cualitativo e cuantitativo das universidades galegas, pero tamén que a velocidade do proceso non é suficiente para manter o ritmo marcado polas comunidades máis activas. A contribución de Galicia no seu conxunto e das universidades galegas en particular vai, co tempo, descendendo paseniña pero continuamente, nunha dinámica diverxente con respecto ao conxunto español”. E engadiu: “Galicia risca o perigo inmediato de que ningunha das súas universidades, que xeran máis do 90% da produción científica galega, se manteña no selecto cadro das universidades máis dinámicas”.
Pola súa banda, Anxo Carracedo ofreceu unha conferencia titulada Jimena Fernández de la Vega, pioneira da xenética clínica na que destacou a valentía de Jimena para enfrontarse a un mundo que naquel momento era todo homes. Carracedo sinalou que Jimena conseguiu varias bolsas para saír fóra de España onde investigou cos mellores da época.
Pola súa parte, María Teresa Fernández de la Vega impartiu unha segunda conferencia titulada La tenacidad de una científica humanista. Relatou que Jimena naceu no seo dunha familia cun gran ambiente de estudo, de promover a intelixencia e o coñecemento. Segundo narrou, esa aura familiar levou a súas tías, as xemelgas Jimena e Elisa, a querer ser médicas nuns anos nos que as mulleres non facían carreira. Pero coa axuda do seu pai, que tamén era médico, María Teresa explicou como foron a estudar medicina á mellor facultade do momento, a de Santiago, e enfrontar todos as dificultades coas que se atoparon.

Distinción de traxectorias senlleiras en investigación para a promoción da ciencia e a tecnoloxía galegas

No acto entregáronse tamén as cinco Medallas de Investigación de Galicia que concede a RAGC na súa terceira edición.
Carmen Álvarez Lorenzo (Santiago de Compostela, 1970) recibe a medalla Ánxeles Alvariño González, da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde. É catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica na USC. É académica numeraria da Real Academia de Farmacia de Galicia e Fellow do American Institute for Medical and Biological Engineering (AIMBE).
A medalla Domingo García-Sabell Rivas, da sección de Ciencias Económicas e Sociais da RAGC, destaca a traxectoria de Carlos Hervés Beloso (Marín, 1953), catedrático desde 1989 que exerce como docente e investigador desde 1975, ano no que se licenciou en Ciencias Matemáticas na USC con premio extraordinario.
O enxeñeiro de telecomunicacións Luis Castedo Ribas (Santiago de Compostela, 1966) foi o elixido pola sección de Ciencias Técnicas para recibir a medalla Isidro Parga Pondal. É catedrático da UDC á que se incorporou en 1994 tras obter un ano antes o título de Doutor Enxeñeiro de Telecomunicación pola Universidade Politécnica de Madrid. É coautor de máis de 300 artigos en revistas e congresos internacionais de referencia en enxeñaría de comunicacións sen fíos. Dirixiu 16 tese de doutoramento. É coordinador do grupo de investigación en Tecnoloxía Electrónica e Comunicacións co que desenvolveu máis de 50 proxectos de investigación de financiamento público e asinado máis de 30 contratos de transferencia de tecnoloxía con empresas.
A medalla Enrique Vidal Abascal, da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación, correspóndelle a Manuel Eulogio Ladra González (A Coruña, 1956). É catedrático de Álxebra na USC e socio da RSME. Con 43 anos de actividade docente, Manuel Ladra desenvolveu toda a súa actividade académica, profesional e investigadora na USC. Dirixiu 15 teses de doutoramento e actualmente dirixe outras dúas.
Pola súa banda, María Antonia Señarís Rodríguez (Santiago de Compostela, 1965) recibe a medalla Antonio Casares Rodríguez, da sección de Química e Xeoloxía. É catedrática de Química Inorgánica da UDC, onde desenvolveu a maior parte da núa carreira.

PUBLICIDADE