A RAGC e a Deputación de Lugo abordan as diferentes estratexias actuais para dixitalizar o noso agro
luns, 8 de novembro do 2021
A
Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Lugo, coa
colaboración do Campus Terra da Universidade de Santiago (USC),
celebrarán a partir da vindeira semana a 32 edición do ciclo Luis
Asorey, centrado nesta edición de 2021 na temática da
Dixitalización do sector agrario en Galicia. Haberá
conferencias nas que se irán abordando as estratexias TIC
autonómicas, nacionais e europea, amais das referentes á
transformación tecnolóxica dos sectores agrícola, gandeiro e
forestal, e do rural en xeral. Porase o foco, máis polo miúdo, en
fórmulas como as graxas intelixentes (smart farmings)
ou as aldeas conectadas. Tamén se exporán casos de éxito en
relación coa dixitalización do sector.
Para
este ciclo, coordinado polo doutor enxeñeiro de Montes, catedrático
da USC, novo presidente da Asociación Forestal de Galicia (AFG) e
membro numerario da RAGC, Antonio Rigueiro, a inscrición é gratuíta
e desenvolverase do 15 ao 24 de novembro en formato mixto:
presencial, no salón de actos da Deputación de Lugo (rúa San
Marcos, 8), e
telematicamente a través da canle de Youtube da RAGC, en horario
de 19:00 a 21:00 horas.
Rigueiro
explica que o obxectivo do ciclo é “trasladar aos asistentes
información actualizada sobre as diferentes estratexias de
dixitalización do sector agrario, os plans de transformación nos
subsectores agrícola, gandeiro e forestal, o uso de drons e robots
na xestión agrícola, gandeira e forestal en Galicia, os plans de
explotacións intelixentes e sobre pobos intelixentes no rural
galego, así como algúns casos prácticos de éxito de
dixitalización no sector agroforestal en Galicia”.
O
ciclo vai dirixido sobre todo a técnicos que traballan no sector
agrario, tanto na administración como no ámbito privado, e
profesores e estudantes das titulacións universitarias e
preuniversitarias de carácter agrario, pero tamén a técnicos
relacionados cos aparatos e mecanismos que se utilizan na
dixitalización (enxeñeiros electrónicos, enxeñeiros de
telecomunicacións ou enxeñeiros industriais) e a alumnos e
profesores das titulacións universitarias e preuniversitarias
correspondentes.
A
primeira conferencia do luns 15 versará sobre Contexto europeo,
español e galego sobre dixitalización e robótica. Estratexia
Galicia Dixital 2030 que impartirá o licenciado en Informática
e xerente de Proxectos da Área de Solucións Tecnolóxicas
Sectoriais da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia
(AMTEGA), Manuel Barcón Goás.
O
martes 16 será a quenda de Javier Bueno Lema, doutor enxeñeiro
Agrónomo e profesor titular da Escola Politécnica Superior de
Enxeñaría de Lugo da USC, que falará de Mecanización e
dixitalización do sector agroalimentario.
Ramiro
Antonio Fouz Dopacio, doutor en Veterinaria e profesor da Facultade
de Veterinaria da USC, será o encargado o mércores 17 de ofrecer un
relatorio sobre A dixitalización na produción de leite.
A
conferencia do xoves 18 será impartida polo enxeñeiro de Montes e
director Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da
Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, José Luis Chan
Rodríguez, que tratará sobre a Dixitalización e
descarbonización da xestión forestal en Galicia.
Na
seguinte semana continuará o ciclo o luns 22 coa conferencia Drons
aplicados á xestión agroforestal que impartirá Jorge Seoane
Brandariz, responsábel de I+D da División de Sensórica e de
Sistemas Aéreos non Tripulados do Instituto Tecnolóxico de Galicia.
Xa o
martes 26 nunha mesa redonda abordarase o tema Aplicacións para
propietarios, industria e comercialización. Catro casos de éxito en
Galicia, moderada por Antonio Rigueiro. Nela participarán o
xerente da empresa fmC Forestal y Medioambiente Consultores, Jesús
Martínez Ben, que falará de Trazabilidade no sector forestal:
Chainwood e Timbertrack; a directora Xeral da empresa Monet
Tecnoloxía e Innovación Viticultura, Débora Franco Vázquez, que
analizará o Apoio á toma de decisións en viticultura; e a
enxeñeira de Montes Mercedes Rois Díaz que abordará a temática
das Aplicacións na cadea de valor forestal europea: Smartwood
para selección de especies. O ciclo finalizará o mércores 24
co relatorio Estratexias de dixitalización para o territorio
rural galego que impartirá a doutora enxeñeira Agrónoma e
directora Xeral de Desenvolvemento Rural e da Axencia Galega de
Desenvolvemento Rural (AGADER) da Consellería do Medio Rural da
Xunta de Galicia, Inés Santé Riveira.
O
prazo de inscrición para participar de balde en todas as
conferencias xa está aberto.