A RAGC e GAIN distinguen o máis destacado do ano en transferencia tecnolóxica galega

mércores, 28 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

Este 27 de novembro a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e maila Axencia Galega de Innovación (GAIN) recoñeceron con galardóns o traballo ben feito en materia de achados científicos e tecnolóxicos galegos e, tamén, o labor ben resolto en materia de construción de pontes entre os ditos achados e o tecido empresarial. Estamos a falar da cuarta edición dos Premios á Transferencia de Tecnoloxía, dirixidos a fomentar que o coñecemento avanzado que abrolla dos centros tecnolóxicos e das nosas comunidades científicas colla corpo como solucións e servizos concretos de mercado, en beneficio do tecido económico galego e da cidadanía.
Recibiron os recoñecementos a empresa lucense Insitu (modalidade para PEME) e o equipo da USC dirixido por Francisco Rivadulla (modalidade de investigación aplicada). Amais, houbo unha mención especial para o proxecto Pescaenverde do Departamento de Enxeñaría Química da USC.
Na cita participaron Miguel Ángel Ríos, presidente da RAGC, a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey Vilar, o director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, Manuel Rodríguez. o reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López; a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo (Uvigo), Mónica Valderrama;a xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), Beatriz Allegue; o decano da Facultade de Medicina, Julián Álvarez; a decana da Facultade de Farmacia, Isabel Sández e o presidente da Academia Xacobea, Xesús Palmou.
Como avanzamos, o premio ao mellor traballo desenvolvido por un grupo de investigación aplicada, dotado con 6.000 euros netos e unha axuda de 4.000 euros para a formación dun dos investigadores, recaeu na USC: máis polo miúdo, no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) e no Departamento de Química Física da USC. O proxecto liderado polos doutores Francisco Rivadulla e Víctor Leborán consiste no desenvolvemento dun novo sensor con aplicacións no desenvolvemento de novos fármacos e produtos biomédicos.
Nesta mesma categoría, o xurado dos galardóns decidiu outorgar unha mención especial ao proxecto Pescaenverde, que pon en xogo (neste intre concreto no que estamos a vivir) a que sería a única ecoetiqueta específica dos produtos do mar que informa ao consumidor sobre a pegada no cambio climático que supón cada peza de peixe á venda. Recolleron o recoñecemento Gumersindo Feijoo, María Teresa Moreira e Pedro Villanueva Rey, do Departamento de Enxeñería Química da USC.
Polo que atinxe ao premio da categoría de PEME foi recollido por Pedro Arias, co-fundador de Ingeniería Insitu, a empresa galardoada, nacida do Grupo de Investigación en Xeotecnoloxías Aplicadas (GeoTech) da Uvigo e con sede actual en Lugo. O galardón, dotado con 12.000 euros, recoñece o sistema desenvolvido por Insitu para “permitirlles a empresas e administracións públicas inspeccionar, explotar e xestionar estradas, liñas de ferrocarril e aeroportos desde a oficina, a partir dos datos obtidos con múltiples sensores e que lle mostran ao usuario representacións 3D e imaxes sobre o estado da vía, a visibilidade nun determinado momento, etc”.
O presidente da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), Miguel Ángel Ríos, afirmou no transcurso do acto que “a transferencia de tecnoloxía ao sector produtivo desde as institucións e centros onde se produce a ciencia parece ser a vía máis razoábel para alimentar a competitividade das empresas”.
Parabéns de GAIN
No tocante aos premiados, Patricia Argerey salientou que materializan á perfección o valor da ciencia ao servizo da eficiencia baseada na tecnoloxía, do progreso económico sustentábel e da mellora da calidade de vida. Respecto da empresa galardoada co premio ao mellor caso de éxito empresarial de transferencia de tecnoloxía para PEME, a lucense Ingeniería Insitu, destacou “o potencial innovador das provincias do interior de Galicia”. Amais, felicitou á enxeñeira cuxa tese de doutoramento foi o xerme do proxecto e primeira tese das universidades galegas premiada coa mención industrial, María Varela, actual responsábel de innovación da empresa, e subliñou “a importancia de contar con referentes coma ela para fomentar as vocacións científicas entre as rapazas”.
En canto ao grupo de investigación galardoado co premio ao mellor traballo de investigación aplicada, recollido polo equipo da Universidade de Santiago de Compostela dirixido polo profesor Francisco Rivadulla por un proxecto de aplicación ao campo da saúde, Argerey destacou que “se trata dunha nova demostración de forza do sector biotecnolóxico galego”.
Por último, fixo referencia ao traballo merecedor dunha mención especial, o proxecto Pescaenverde do Departamento de Enxeñaría Química da USC, por supor, sinalou, “o nacemento en Galicia da primeira ecoetiqueta específica dos produtos do mar que cuantifica o impacto no cambio climático”.

PUBLICIDADE