A RAGC a Deputación de Pontevedra vanse de xira polos institutos para fomentar vocacións STEM
xoves, 10 de novembro do 2022
A
Real
Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Pontevedra
inician a vindeira semana o segundo bloque do III Ciclo de
Conferencias Aida Fernández Ríos, dirixido a alumnado de
Secundaria e Bacharelato co gallo de animalo a elixir carreiras STEM
(Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas). Estas charlas
teñen como finalidade “achegar a ciencia e fomentar as vocacións
científicas entre a poboación máis nova”, así “como
concienciala de que os rapaces e as rapazas teñen as mesmas
capacidades e poden chegar a ser o que se propoñan”.
Esta
iniciativa está coordinada pola catedrática de Microbioloxía da
Universidade de Santiago de Compostela (USC) e vicepresidenta da RAGC
Alicia Estévez Toranzo.
Ao
abeiro deste programa de colaboración, celebraranse cinco
conferencias en institutos de Caldas de Reis, Lalín, Baiona, Cangas,
e Vigo. Impartiranas investigadores e investigadoras das tres
universidades galegas, que ofrecerán ao alumado temáticas
atractivas do seu interese.
A
primeira charla celebrarase o 17 de novembro no IES Aquis Celenis de
Caldas de Reis, dirixida a alumnado de 2º de Bacharelato Científico
do centro. O relatorio versará sobre a transcendencia das
matemáticas na sociedade actual, destacando a súa presenza en boa
parte do que nos rodea na nosa vida cotiá. Abordará este tema Mª
Victoria Otero Espinar, catedrática de Análise Matemática da USC e
vicepresidenta da Real Sociedad Matemática Española.
O 18
de novembro no IES Laxeiro de Lalín un grupo de alumnas e alumnos de
1º e 2º de Bacharelato de Ciencia e Tecnoloxía serán os
destinatarios dunha nova conferencia. Nesta ocasión Mª Teresa
Moreira Vilar, catedrática de Enxeñaría Química do Centro de
Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais da
Universidade de Santiago, afondará en como a auga residual se
converte nun recurso de gran valor.
A
ciberseguridade e a importancia dos piratas informáticos centrará a
conferencia do 25 de novembro no IES Primeiro de Marzo de Baiona.
Participarán varios grupos de 4º da ESO e Bacharelato do centro. O
encargado de impartila será Manuel Caeiro Rodríguez, doutor en
Enxeñaría Telemática da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación
da Universidade de Vigo.
A
seguinte charla versará sobre as microalgas, organismos moi
descoñecidos polo conxunto da poboación pero cun grande interese
para o funcionamento do noso planeta. Celebrarase o 30 de novembro no
IES Monte Carrasco de Cangas, coa participación de alumnado de 3º
da ESO. A experta que abordará este tema será Ángeles Cid Blanco,
catedrática de Microbioloxía do Centro de Investigacións
Científicas Avanzadas da facultade de Ciencias da Universidade da
Coruña.
A
derradeira conferencia deste ciclo será o 13 de decembro no CPR
Aloya de Vigo para alumnado dos FP da rama sanitaria do centro. Terán
a oportunidade de coñecer todo o que o ADN nos conta en relación a
un feito criminal. Ofrecerá este relatorio Mª Victoria Lareu
Huidobro, catedrática de Medicina Legal e Forense e directora do
Instituto de Ciencias Forenses da Universidade de Santiago.