A RAG enche as redes de contidos para coñecermos a fondo a vida e obra de Florencio Delgado

luns, 2 de maio do 2022 S. P.

Comezou o mes das Letras Galegas e este ano refórzase a vertente dixital das actividades previstas, en parte polo avance imparábel das novas ferramentas, en parte polos hábitos de traballar, comunicarnos e informarnos online durante a crise pandémica. Como resultado, case todo o que rodea en 2022 á celebración da nosa escrita e, máis concretamente do legado de Florencio Delgado Gurriarán, homenaxeado nas Letras Galegas deste ano, terá un reflexo ou un alicerce decididamente dixital. Isto é extensíbel á axenda da Real Academia Galega.
Entre estas actividades figura a publicación, na sección publicacións de Academia.gal, do discurso de ingreso na RAG de Florencio Delgado Gurriarán, onde lembra en primeira persoa como tivo que fuxir a México xunto a tantos outros cos que compartía ideoloxías e obxectivos vitais, o seu agradecemento co país que acolleu tantos exiliados despois da guerra civil e tamén o labor a favor da cultura galega que, xunto a outros paisanos, desenvolveu.
O texto acaba de ver a luz na sección de publicacións de academia.gal, nunha edición especial que mantén a lingua orixinal do autor.
Esta é unha das iniciativas coas que a RAG celebra a figura e a obra de Florencio Delgado Gurriarán, que levará o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas á súa aldea natal, Córgomo, no concello ourensán de Vilamartín de Valdeorras.

Florencio Delgado Gurriarán retratado por Anxo Santomil

A axenda de actividades inclúe unha homenaxe a México para recoñecer o traballo colectivo da diáspora que o poeta reivindicou nas palabras pronunciadas o día en que foi recibido como académico correspondente. “Sen tencionar compararnos cos galegos de Bos Aires, capital cultural da Galiza nos anos da posguerra, cando, despois da vitoria da metade dos españois, ficou a España maltreita, a intelectualidade decimada e a fala galega ás escuras, a emigrazón galega en México tamén acendeu o seu fachiño para escorrentar as tebras culturais”, reivindicaba.
Na intervención pronunciada en Valdeorras, Florencio Delgado Gurriarán quixo tamén expresar o seu agradecemento á acollida que deu a república mexicana aos exiliados españois e particularmente ao seu presidente, Lázaro Cárdenas, a quen chegou a dedicar un poema, Nenia a Tata (pai en lingua purépecha) Lázaro. “O noso exilio, que non nos desvencellou da Terra, foi bon para nós e para a nazón que nos acolleu. Houbo moitas e diferentes opinións encol de nós na terra anfritrioa, mais se fixésemos un inquerimento sobre eles comprobariamos que foron máis e millores as favorábeis”, escribía.
Serie documental
O exilio é tamén o eixe do terceiro dos cinco capítulos da serie web documental da RAG Florencio Delgado Gurriarán. O soño da Galicia infinda, estreada o xoves 28 de abril. A narración audiovisual, dispoñible en academia.gal e na canle de Youtube da institución, arrinca co retrato máis próximo e íntimo do poeta. O episodio 2 conta a súa entrada en contacto co galeguismo organizado e a súa participación na resistencia republicana. Os dous últimos capítulos centraranse na poesía e na lingua dun autor que proxectou o galego de Valdeorras, que é tamén motivo de reivindicación a través da súa obra nestas Letras Galegas 2022.
A RAG está ademais a producir a serie de micropezas audiovisuais Polos vieiros de Florencio, que reúne voces de distintos ámbitos para ofrecer diversas olladas á figura do autor e á súa obra; difunde a través das redes sociais contidos como Palabras de Florencio, onde une a divulgación da poesía do homenaxeado coa difusión do léxico galego; e, poñendo o foco no público máis novo, convoca á comunidade escolar arredor de Primavera das Letras, páxina web na que se pode descargar a biografía de Florencio dirixida ao público infantil que asina Ledicia Costas e ilustra Blanca Millán.
Primavera das Letras ofrece ademais fichas para colorear a vida do Florencio neno creado pola escritora e a ilustradora, actividades interactivas e vídeos con homenaxes ao poeta de alumnado da comarca de Valdeorras.

PUBLICIDADE