A RAG e Política Lingüística lanzan Toponimízate 2023

xoves, 5 de outubro do 2023 S. P.

Víctor Freixanes, presidente da RAG, e Valentín García, secretario de Política Lingüística, na presentación da quinta entrega de Toponimízate

A Real Academia Galega e a Secretaría Xeral de Política Lingüística lanzaron unha nova edición (a sexta) do programa Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra, cuxo principal obxectivo é difundir o valor da riqueza toponímica galega e involucrar a moitos colaboradores e colaboradoras para salvagardar os nomes de lugar a través de Galicia Nomeada, a plataforma participativa de recolla toponímica creada conxuntamente entre a Real Academia Galega e a Xunta de Galicia. A acción enmárcase nos proxectos Toponimia de Galicia e GeoArpad, impulsados ambos os dous desde a Xunta de Galicia, e coordinarase desde a RAG en colaboración con Política Lingüística.
Segundo explican estas entidades sobre a verdadeira dimensión do proxecto aberto, “a toponimia constitúe un aspecto fundamental do noso patrimonio que liga a lingua propia coa xeografía, a historia ou a arqueoloxía de noso”.
En 2023, na que xa é a súa sexta edición, Toponimízate chegará a 12 concellos. Coas sesións que se van levar a cabo neste ano, a campaña Toponimízate xa suma un total de 82 concellos.
Os obxectivos deste programa son múltiples e atinxen tanto á veciñanza coma aos técnicos municipais:
-Achegar á cidadanía de cada concello valiosa información sobre a historia do galego falado na súa contorna e sobre os modos de vida dos seus antepasados, os feitos históricos que foron relevantes para eles e as características da paisaxe no momento en que se bautizou cada anaco da súa terra ou cada braza do seu mar. “Porque en Galicia todo está nomeado e cada nome ten unha historia que contar, un anaco de historia local que non figura nos libros e que aos veciños e veciñas lles gustará coñecer”, sinalan dende a RAG e Política Lingüística.
-Fornecer aos técnicos municipais das ferramentas necesarias que lles faciliten a tramitación de expedientes relacionados coa planificación e xestión do territorio do termo municipal, nos que deben empregar os topónimos normalizados, así como a posta en valor e promoción turística da paisaxe e dos elementos do patrimonio material e inmaterial que posúen.
-Fomentar o uso da lingua galega entre a xente máis nova, pois promoverase que sexa esta a lingua en que interactuen cos seus avós e veciños para preguntarlles polos nomes de lugares e as lendas a eles asociados. Tamén empregarán o galego coas novas tecnoloxías para subir toda esa información a Internet. Os topónimos naceron en galego e así deben usarse, tal como se manifesta no artigo 10 da Lei 3/1983 de normalización lingüística.
-Fomentar a presenza do galego nas tecnoloxías da información e da comunicación. Traballarase cunha aplicación móbil que presentará as últimas novidades en sistemas de información xeográfica e abrirase deste xeito unha xanela ao mundo a través de Internet para dar a coñecer a singularidades de cada concello.
-Xerar dinámicas de traballo que promovan as relacións entre a sociedade, entre as asociacións veciñais e culturais e as administracións. Trátase de buscar a participación de toda a comunidade nun proxecto cultural común, facendo un traballo cooperativo entre varias xeracións, poñendo en valor a sabedoría dos máis vellos, a intrahistoria de cada concello e a conservación do patrimonio inmaterial (tradicións, folclore, coplas, lendas... asociadas aos topónimos). Isto creará un sentimento de identidade colectiva compartida e de continuidade.
A xira de Toponimízate sexta edición
11 de outubro, 12:30 h Centro Sociocultural Friol Lugo
19 de outubro, 11:30 h IES de Becerreá Becerreá Lugo
20 de outubro, 19:30 h Auditorio municipal Xosé Casal Vila de Cruces Pontevedra
26 de outubro, 20:00 h Centro Cultural de Randufe Tui Pontevedra
27 de outubro, 20:00 h Casa da Cultura Trasmiras Ourense
2 de novembro, 20:00 h Casa dos Capeláns de Iria Padrón A Coruña
9 de novembro, 19:00 h Casa da Cultura Amoeiro Ourense
10 de novembro, 19:30 h Casa da Cultura A Pobra de Brollón Lugo
17 de novembro, 12:00 h CEIP Plurilingüe Santa Eulalia Dumbría A Coruña
21 de novembro, 12:30 h IES San Mamede Maceda Lugo
24 de novembro, 20:00 h Centro Cultural Ponte Caldelas Pontevedra
1 de decembro, 19:00 h Centro cívico social do Alto Castiñeiro Narón A Coruña


PUBLICIDADE