A Proa (Ames) acollerá un laboratorio de proxectos innovadores audiovisuais

martes, 13 de decembro do 2022 S. P.

O alcalde de Ames, Blas García, e mailo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asinaron este luns 12 de decembro un convenio de colaboración para impulsar o puxante sector audiovisual do concello. En concreto, crearán o Ames AudioVisual LAB, un laboratorio de aceleración de proxectos audiovisuais que busca fortalecer a produción, fomentar o talento emerxente e dinamizar o tecido audiovisual do concello. A Deputación achegará a este proxecto 160.000 euros, o 80% do orzamento total, mentres que o Concello aportará, o 20% restante. En total, 200.000 euros. O lab terá a súa sede no centro de traballo colaborativo A Proa.
O programa propón “unha oferta eminentemente práctica” e conta coa colaboración de empresas como Ficción Producións, Cinemar Films, Zenit Tv, Setemedia, Alfonsín DIgital Lab ou a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC). Segundo salientaron García e González, ponse en marcha “cunha visión internacional en distintos ámbitos, desde a definición de estratexias de distribución e internacionalización adaptadas aos proxectos, ao establecemento dunha rede de contactos e colaboración con festivais, foros internacionais e organismos que contribúan a impulsar a súa produción”.
O laboratorio de proxectos beneficiarase de experiencias previas e complementarias. Así o explicou o rexedor: “Imos niciar un traxecto moi importante de aposta polo audiovisual e pola formación de persoas neste ámbito, somos un concello que aposta polo audiovisual e que ten importantes empresas do sector afincadas no municipio, no Parque Empresarial do Milladoiro, onde ademais temos o coworking A Proa, financiado e impulsado pola Deputación da Coruña, que está enfocado ao audiovisual e ao sector tecnolóxico e que nos vai a servir para, conxuntamente coas empresas tanto do concello como de fóra, achegarlle a información que necesitarán os proxectos”.
O presidente da Deputación explicou que o Ames AV LAB parte “dunha aposta moi forte por parte do Concello para dar soporte, apoio e acompañamento aos proxectos audiovisuais, desde que nacen ata que se expanden, a través de sistemas de formación, de bolsas ou de promoción nacional e internacional” e lembrou a importancia do sector audiovisual, que crea en Galicia “máis de 4.000 postos de traballo e aglutina a máis de 700 empresas”, o 75% delas na provincia coruñesa.
Formoso tamén salientou que este proxecto “encaixa perfectamente co que impulsamos desde a Deputación da Coruña para crear, cun investimento de 6,7 millóns de euros, un dos maiores estudos virtuais de produción audiovisual de España, que estará localizado na Cidade das TIC, pero que vai dar soporte técnico a ese gran ecosistema de creatividade que radica en Santiago, A Coruña e Ames, principalmente, e que para nós é unha aposta de futuro clara”.
O Ames AV LAB, que estará situado no Milladoiro nas instalacións de A Proa da rede provincial de espazos de traballo colaborativo, dará soporte a un total de 15 proxectos, que serán seleccionados a través dunha convocatoria que se publicará proximamente.
Os criterios de valoración da selección terán en consideración buscar a promoción de proxectos diversos e inclusivos. Do mesmo xeito, priorizarase a incorporación daqueles que teñan o idioma galego como lingua vehicular e estableceranse mecanismos que garantan unha representatividade equilibrada de xénero e para a incorporación de persoas mozas menores de 30 anos ao sector.
Os destinatarios do proxecto son novos creadores do sector con proxectos non iniciados, en fase de creación ou desenvolvemento, que non teñan data de inicio de rodaxe prevista. Poderán participar “curtametraxes, longametraxes, series, documentais de creación ou participativos, narrativas inmersivas e de Realidade Virtual e outros contidos audiovisuais e de carácter dixital fundamentalmente narrativos, primando o alcance local e provincial”.
Ademais, os participantes poderán optar a unha convocatoria de bolsas que conta con 70.000 euros de orzamento, seleccionando sete proxectos que poderán recibir unha axuda de ata 10.000 euros que deberán destinarse á creación e desenvolvemento da súa proposta.

PUBLICIDADE