A Politécnica de Lugo achega unha innovadora plataforma de teleformación para levar contidos a persoas de todo o mundo

luns, 2 de febreiro do 2015 Redacción

Escola Politécnica Superior de Lugo

Formación para todo o mundo e de xeito doado e flexíbel. Esta é base dunha nova plataforma telepresencial apoiada en software libre que se vén de pór en marcha dende o Campus de Lugo. Máis polo miúdo dende o Laboratorio do Territorio (LaboraTe) da USC (grupo de investigación con sede na Escola Politécnica Superior), e dende o Sistema de Información Territorial (SIT, un servizo tamén vinculado á Escola Politécnica Superior e con sede no edificio Cactus). A súa aposta conxunta pola innovación tecnolóxica aplicada á docencia para favorecer a transferencia de coñecemento colleu corpo a través da dita plataforma de código aberto, idónea para videoconferencias e baseada na aplicación BigBlueButton.
A tecnoloxía en cuestión comezou a funcionar este curso 2014-2015 nas instalacións do SIT, permitindo participar nunha mesma actividade formativa a estudantes e docentes que asisten de xeito presencial á aula na que se imparten os contidos con outras persoas conectadas virtualmente en tempo real, “pero coas mesmas posibilidades de interlocución”, informa a Universidade de Santiago, que tamén engade que esta experiencia piloto no ensino universitario galego “cobra especial relevancia ao tratarse dunha iniciativa implantada na sede universitaria luguesa, un dos campus obrigados pola Xunta a formular plans de viabilidade para varias das titulacións que rexistraron un baixo número de estudantes nos últimos anos, e tamén denota a súa capacidade de adaptación ao novo escenario que emerxe no ensino superior”.
Por certo que a través da plataforma de teleformación estanse a organizar xa parte das actividades formativas impulsadas polo SIT, amais da quinta edición do Máster en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio, coordinado polos investigadores do LaboraTe. Segundo informan os responsábeis deste desenvolvemento, “as vantaxes da aplicación son moitas e todas favorecen o acceso e a difusión de coñecementos, tanto entre estudantes como entre docentes”.
Nun plano máis concreto, a ferramenta facilita a inscrición de alumnado ou a participación puntual de colaboradores e expertos en calquera das materias abordadas obviando as limitacións xeográficas. A maiores, contribúe “a manter o carácter transversal e multidisciplinar que debe imperar en titulacións abertas a estudantes de distintas nacionalidades e procedentes de diferentes titulacións de acceso”, engaden os impulsores da plataforma.
Como dixemos, a pasarela telepresencial do SIT baséase na aplicación BigBlueButton, unha nova plataforma de código libre, especificamente deseñada para actividades de aprendizaxe a distancia (elearning). O sistema reúne nunha mesma interface vídeo e son, mensaxería instantánea e encerado virtual, onde o profesor amosa a súa presentación ou pode escribir e facer gráficos. “Ademais”, explican os responsábeis do seu desenvolvemento, “ten capacidade para compartir escritorio, polo que os alumnos presenciais e remotos poden visualizar tamén a execución de programas ou tarefas realizadas polo poñente no seu propio equipo, algo imprescindible no caso de exercicios de carácter práctico”. E engaden: “A pasarela complétase cunha infraestrutura física consistente en varios micrófonos convencionais e unha ou dúas webcams instaladas na sala”.

PUBLICIDADE