A Policía lánzase ao Twitter para procurar apoios na súa loita contra o narcotráfico

xoves, 26 de xaneiro do 2012 Fernando Sarasketa

Sabiamos que as redes sociais teñen á xente máis comunicada entre si, que serven para dar conta de cousas de valor pero tamén de todo tipo de parvadas, que tamén achegan o seu para as empresas (promoción, análises de tendencias, busca de novos profesionais), pero o que non imaxinabamos é que se podían converter en espazos útiles para a posta en marcha de operacións policiais. Así nolo conta El Mundo hoxe, onde se reflicte que a rede social Twitter está a dar a acubillo a unha iniciativa da Policía Nacional contra o tráfico de droga, desenvolvida a través do seu perfil neste servizo, @policia, e nos que mantén noutros semellantes.
Segundo informa a Policía Nacional, a operación inclúe a posta en marcha dunha conta propia específica, antidroga@policia.es, que lle servir aos axentes da Brigada Central de Estupefacientes para manterse comunicados con posíbeis fontes de información. Neste caso concreto, as que veñan da man dos propios usuarios da Rede.
A través deste correo, pois, calquera internauta poderá achegarlle á Policía datos de valor sobre a práctica directa do narcotráfico, co fin de facilitarlle o seu labor. Axentes especializados no tratamento das novas tecnoloxías atenderán cada correo, ao tempo que asegurarán “o anonimato das fontes e priorizando a súa seguridade”. Co fin de recadar a máxima información, a Policía vai enviar no Twitter solicitudes de colaboración a través da etiqueta #Tweetredada, á vista en twitter.com/policia.
Os axentes buscan con esta iniciativa tirar o máximo proveito das posibilidades (moi elevadas) de difusión e contacto das redes 2.0, sendo Twitter unha das de meirande potencial, de feito a conta propia da Policía en Twitter é a segunda de España, procedendo dunha entidade pública, que conta con maior número de seareiros.

PUBLICIDADE