A Policía detén ao grupo cracker D.O.M. Team

luns, 19 de maio do 2008 Marcus Fernández

Unha das mensaxes que o D.O.M. Team deixaba nas páxinas web atacadas

O Grupo de Seguridade Lóxica da Brigada de Investigación Tecnolóxica (BIT) da Comisaría Xeral de Policía Xudicial detivo ao grupo D.O.M. Team, responsable de máis de 21.000 ataques a sistemas informáticos en apenas 2 anos, entre os que podiamos destacar o da páxina web de Izquierda Unida durante a pasada campaña electoral.
Dos 5 detidos, 2 só teñen 16 anos, e o resto sobre os 20, entre os que figuraba un estudante de Telecomunicacións. Os rapaces non se coñecían en persoa e a súa identificación e seguimento levou meses, resultando crucial o secuestro do servidor da web de Izquierda Unida, que foi o caso que se denunciou ante a BIT, e agora levará aos involucrados a enfrontarse a penas de entre 1 e 3 anos por danos.
O grupo de crackers buscaba notoriedade, e mesmo chegou a conceder unha entrevistas a El Mundo, na que aseguraron que se consideran «amantes da informática e a seguridade web». Tamén sosteñen que as súas intrusións son «un xeito de avisar aos administradores de sistemas de que os seus servidores son vulnerables», pois se limitan a facer un deface (cambio da aparencia) das webs atacadas, non borrando contidos.

PUBLICIDADE