A Policía Local de Lugo contará coas máis avanzadas tecnoloxías de comunicación

mércores, 30 de novembro do 2016 Redacción

O Concello de Lugo vén de amosar os detalles do proceso de renovación da rede de radiocomunicacións dixitais de voz e datos para a Policía Local. Na presentación destes recursos a alcaldesa Lara Méndez salientou que un dos seus grandes piares é o equipamento de novos radiotransmisores, que substitúe unha rede de equipos que xa tiña unha antigüidade de máis de quince anos. Segundo fixo saber, debido “á obsolescencia de dita rede” o Goberno local considerou “unha prioridade” a substitución da mesma por outra “de tecnoloxía avanzada”, dotada con sistema DMR (Digital Mobile Radio), para a comunicación dixital. A idea esta renovación foi “dar un paso máis na seguridade e garantir unha comunicación real entre axentes, favorecendo a coordinación óptima de accións, a interconexión co Concello dende calquera recanto e a supresión de zonas de sombra de coberturas telefónicas”.
O novo equipo de comunicacións está integrado por 150 equipos portátiles para os axentes, móbiles para vehículos e motocicletas, e fixos para a a sala de control e infraestruturas. Segundo indicaron a alcaldesa e os responsábeis da Policía Local de Lugo, as tecnoloxías postas en xogo suporán “unha serie de melloras ao favorecer o cifrado das comunicacións”, garantindo desta maneira a confidencialidade das transmisións e a protección dos datos transmitidos, “tanto en situacións ordinarias como en casos de emerxencia”.
Asemade, engadiron que a rede contrólase e adminístrase dende a sala do 092, e permite a xeolocalización de todos os terminais en tempo real. Tamén salientaron, nun plano máis concreto, que o novo sistema permite o envío e recepción de mensaxes de texto (así como conexión coa rede telefónica ordinaria), minimiza os problemas de cobertura (os repetidores abranguen o territorio municipal con calquera tipo de equipos) e posibilita o seguimento remoto de sensores e radioalarmas. Ademais, explicaron, os terminais portátiles contarán con medidas de protección en materia de golpes, caídas e protección contra a auga, amais de permitir funcións de chamada xeral, individual de grupos, ou mesmo a función de “home morto” (en caso de permanecer moito tempo en posición tumbado). Por outra banda, o sistema é quen de rexistrar todas as posicións e percorridos dos equipos, e represéntaos mediante planos e mapas.
Recoñecemento a Lugo Smart City polo seu compromiso pola accesibilidade
Noutra orde de cousas, informar que o Concello de Lugo vén de acadar un importante recoñecemento polo seu proxecto de cidade intelixente, o proxecto Lugo Smart City, do que falamos polo miúdo este pasado verán para salientar os seus orzamentos (4,1 millóns) e algúns dos seus principais obxectivos: máis participación cidadá nos procesos administrativos, máis eficiencia nos servizos públicos a través das TIC, máis transparencia (Portal de Transparencia), máis accesibilidade, mellor xestión dos refugallos e mellor xestión do tráfico e dos aparcamentos. O recoñecemento do que falamos, unha mención especial por Lugo Smart City, veu da man dos organizadores dos premios europeos de accesibilidade (Access City Award). O motivo: o compromiso da cidade da Muralla por “crear unha cidade accesíbel para toda a cidadanía sen consideracións de idade”.
O voceiro municipal, Miguel Fernández, recolleu a distinción este martes na cerimonia de entrega de premios, que tivo lugar en Bruxelas. Segundo lembra o Concello, Lugo era a única cidade estatal que optaba a ditos premios, que recompensan aos municipios de máis de 50.000 habitantes polo traballo en materia de accesibilidade. Xunto coa urbe galega, as cidades finalistas eran as de Alessandria, en Italia, Funchal, en Portugal, Jürmala, en Letonia, Róterdam, en Holanda, Skellefteå en Suécia, e Chester, no Reino Unido, quen gañou este premio.

PUBLICIDADE