A Pobra oferta por partida dobre un curso de deseño e impresión en 3D

xoves, 3 de setembro do 2020 S. P.

A Concellería de Mocidade da Pobra do Caramiñal e Tecelán organizaron para este remate de verán un curso de deseño e impresión en 3D co fin de introducir á xuventude local nalgunhas das tecnoloxías dixitais máis creativas e de meirande proxección profesional de cantas están a abrollar nos últimos anos.
Se ben foi convocada nun principio un único obradoiro, a desenvolver os días 5, 12 e 19 de setembro no Fab Lab da Casa da Mocidade (no antigo Restaurante Lagar), finalmente, dado o éxito da iniciativa (cuxas prazas foron esgotadas axiña), a Concellería decidiu argallar unha segunda convocatoria, que terá lugar no dito emprazamento os días 26 de setembro e 3 e 10 de outubro.
O edil da Mocidade, José Andrés Lojo, explicou que esta proposta naceu “baixo a demanda existente de coñecemento sobre estas novas tecnoloxías”, polo cal o Fab Lab da Casa da Mocidade converteuse, dixo, “no lugar idóneo para impartir a formación ao contar con tódalas ferramentas necesarias”. Trátase, engadiu, dunha actividade formativa de nivel básico que “toca os ámbitos do deseño, da laminación e do manexo da impresora 3D, divididos en tres días”.
Pola súa parte, o alcalde Xosé Lois Piñeiro lembrou que esta actividade se engloba nunha programación (música, audiovisual etcétera) que está ultimándose e que se focaliza no Fab Lab, así como na propia Casa da Mocidade en xeral; “unhas instalacións dispoñíbeis para uso e desfrute da veciñanza, así como para a súa formación”.
A primeira edición deste curso, organizado polo Concello e Tecelán, xa está completo e transcorrerá como dixemos nos días 5, 12 e 19 de setembro, en horario de 10.00 a 14.00 horas. Para a segunda edición tan só quedan catro prazas vacantes, pois as restantes están ocupadas polas persoas que non lograron entrar na primeira quenda. A inscrición é de balde e pódese formalizar a través do teléfono de contacto 981843281 ou dos enderezos electrónicos alcaldia@apobra.gal e correo@apobra.gal.

PUBLICIDADE