A Paramount distribuirá Jackass 2.5 de balde por Internet

xoves, 13 de decembro do 2007 Raquel Noya

A produtora norteamericana Paramount Pictures vaise converter no primeiro estudio de Hollywood en distribuír unha película por Internet antes do seu lanzamento en DVD.
O obxectivo da compañía é cambiar os modelos de distribución de filmes xa establecidos e para iso, vai distribuír de balde unha das súas máis recentes estreas, Jackass 2.5.
A devandita película será lanzada na Rede o vindeiro 19 de decembro para posteriormente, estrearse en DVD o día de Nadal. Asemade, a partires do 26 de decembro, o filme estará dispoñible a pedido e mediante descarga en sitios como iTunes de Apple.
Paramount e MTV (ámbalas dúas propiedade de Viacom), asinaron un acordo coa cadea de aluguer de películas Blockbuster para distribuír de balde e pola Rede a terceira entrega da aloucada saga dos Jackass.
O lanzamento do devandito filme en Internet xurde nun momento no que o mercado do DVD comeza a declinar en favor das descargas por Internet, polo que o presidente de Paramount Pictures Digital Enterteinment, Thomas Lesinski, asegurou estar tomando unha decisión que, aínda que segue as tendencias actuais, “pode xerar nerviosismo en Holliwood xa que están volteando de cabeza a distribución dixital”.

PUBLICIDADE