A Pantín Classic achegará radiografías en 4D dos movementos dos surfeiros

luns, 28 de agosto do 2017 Fernando Sarasketa

O Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) é (até 2020) o socio tecnolóxico do gran evento galego de surf: a Pull & Bear Pantín Classic Galicia Pro. Isto que significa? Pois que a un nivel xenérico, a entidade con sede na Coruña traballará en identificar “os retos tecnolóxicos do campionato co obxectivo de situalo como referente internacional en materia de innovación”. A un nivel máis concreto, porá en xogo recursos propios como unha tecnoloxía que é quen de avaliar e calibrar cousas como a forza que imprime o surfeiro á táboa ou a velocidade de execución dos seus xiros. A finalidade desta novidade, operativa nas probas que se van desenvolver dende este 29 de agosto até o 3 de setembro, é achegar “información obxectiva, medíbel e útil ao deportista e axudalo a evolucionar nas súas manobras e movementos”.
Ademais, a tecnoloxía despregada, chamada FlyThings Surf, fornecerá valor informativo para os relatores comunicadores encargados das retransmisións en directo e para o público, xa que os datos xerados visualizaranse nas pantallas instaladas para o seguimento da competición. Segundo lembra o ITG, FlyThings Surf proporcionará coñecemento do que aínda non dispón ningún outro campionato no mundo.
Preparación
Durante o últimos catro meses, un equipo de 8 enxeñeiros (informáticos, de telecomunicacións e industriais) de ITG traballou no deseño desta solución de telemetría. Para iso, desprazáronse a probas da primeira edición da Siroko Surf League, liga de surf española que xa celebrou as dúas primeiras competicións en Zarautz e Xixón e que remata coa competición de Pantín. O equipo do ITG fixo medicións tamén nos areais ferroláns de Pantín e de Baleo. Nestas probas, os surfeiros encargados de testar o produto foron Vicente Romero, top 100 na clasificación da World Surf League; e Rubén Sanmartin Mayobre, profesor de surf cunha extensa experiencia docente-deportiva.
A solución, polo miúdo
Segundo explica máis en detalle o ITG, FlyThings Surf é unha solución formada por un dispositivo hardware (un sensor de menos de 100 gramos de peso, 6 centímetros de diámetro e 2 de grosor que se instala na punta da táboa) e por un software que representa sobre a imaxe de vídeo os valores que acada o surfeiro en cada unha das súas manobras. “A información obtida permite valorar, de forma obxectiva, o esforzo, a habilidade e a destreza destes deportistas”, explican os integrantes do Instituto Tecnolóxico de Galicia, engadindo que os resultados finais proporcionan “unha radiografía 4D do deportista durante o tempo que estea na auga”. En termos concretos, permiten coñecer e discriminar os movementos e/ou manobras do deportista mediante o coñecemento e análise da posición exacta da táboa en tres eixos (tres dimensións) e o longo do tempo (cuarta dimensión). Polo que respecta ao sensor, de alta precisión e baixo consumo, é quen de rexistrar 50 datos por segundo. Estes son analizados e tratados con técnicas de intelixencia artificial dando como resultado “unhas estatísticas comprensíbeis para o espectador”, engaden os técnicos do ITG.
O acordo
A aplicación desta tecnoloxía no evento de Pantín é o resultado do acordo estratéxico asinado recentemente entre os organizadores da proba (o máis senlleiro e referencial da nosa terra e de todo o conxunto do territorio estatal) e o ITG para achegar cobertura tecnolóxica durante os vindeiros catro anos. Segundo explicaron, a solución que se vai empregar estes días é a primeira versión versión de FlyThings Surf. Os vindeiros desenvolvementos permitirán “cuantificar e diferenciar a tipoloxía de xiros ou tempos efectivos de traballo, aceleracións en puntos críticos da onda así como o seu rexistro en tempo real”. Por outra banda, prevese unha redución do tamaño do dispositivo nun 50%.

PUBLICIDADE