A PS2 integra o transformador de corrente no seu interior

martes, 6 de novembro do 2007 Marcus Fernández

Con xa 7 anos de vida, a PlayStation 2 só tivo un cambio de deseño cunha redución moi importante do seu tamaño e agora anuncian que vai renovarse, aínda que dun xeito non tan drástico, pois a mellora estética da consola doméstica con máis penetración na actualidade vai agochar o seu transformador de corrente no seu interior, o que supón unha comodidade para os seus usuarios.
A nova PS2, modelo SCPH-90000 chegará ás tendas niponas o 22 de novembro por 16.000 iens (96,06 euros) e tamén se poderá mercar unha base para colocala verticalmente por 1.500 iens (9 euros). Estes prezos son os mesmos que tiña o modelo anterior da consola (o SCPH-79000), polo que os rumores que apuntaban por que a PS2 pasase a custar menos de 100 euros (actualmente a 129,95 euros en Europa) non parecen confirmarse.
A nova PS2 mide 230 x 28 x 152 mm e pesa 720 gramos, ou sexa, que conserva as dimensións físicas pero incrementa o seu peso uns 120 gramos.

PUBLICIDADE