A Oficina de Software Libre da USC completa a revisión do Firefox 3.6 en galego

mércores, 10 de marzo do 2010 Fernando Sarasketa

A Oficina de Software Libre da Universidade de Santiago vén de informar do remate da revisión da tradución á nosa lingua da versión 3.6 do navegador Firefox, fornecemento que virá incorporado como ferramenta de exploración predeterminada no Ubuntu LTS 10.04, sistema operativo libre cada vez máis presente en ordenadores de todo o mundo, xa non só en países en desenvolvemento. Segundo conta a Oficina da USC e se fai eco Mancomún, o labor de pulido de posibles erros na máis recente achega no noso idioma do Firefox únese ao traballo feito na revisión e tradución do Gnome 2.30 e, tamén, á vindeira adaptación á nosa lingua da nova achega de Ubuntu, a xuízo dos usuarios internacionais de software libre, máis estable no tempo e con múltiples posibilidades de uso para todo tipo de usuarios: dende internautas por conta propia até grandes empresas, pasando por colectivos ou institucións públicas.
Volvendo aos traballos de revisión do Firefox 3.6, dicir que o apoio da Oficina responde en boa medida á importancia crecente do navegador libre como ferramenta común, con grandes posibilidades (en virtude do seu espallamento e das súas vantaxes) de afianzar a presenza do galego no eido dixital que se impón.
O informe sobre o traballo xa está dispoñible en pdf.
A Oficina, por certo, xa lle fixo chegar o estudo á listaxe oficial do grupo de tradución ao galego dos compoñentes de Mozilla. Os traballos do departamento da USC foron nesta orde: corrección terminolóxica e estilística, detección de erros, corrección integral (a fase máis intensa) e revisión ortográfica. A Oficina quixo deixar claro en todo intre o gran traballo desenvolvido pola comunidade galega de tradución de Mozilla “ao manter o estado da localización ao 100% e ofrecer o principal navegador de software libre completamente en galego”.

PUBLICIDADE