A Oficina da Turismo da Guarda mellorará a experiencia dos visitantes con recursos dixitais

luns, 5 de setembro do 2022 S. P.

A Oficina de Turismo da Guarda beneficiarase das vantaxes de transformación do proxecto Tourist Inside da Deputación de Pontevedra, que está a estender a súa presenza por boa parte dos concellos da provincia e poñendo o foco na rede Info Rías Baixas. Anunciárono a semana pasada a deputada encargada da área de Turismo, Ana Laura Iglesias, e o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, quen debullaron as medidas previstas. Con elas, a oficina da Guarda renovará o modelo de atención ás persoas visitantes ao incorporar elementos dixitais e impulsar así o sector turístico na provincia.
Máis polo miúdo, a oficina da Guarda mergullarase no mundo dixital ao abeiro do programa Tourist Inside coa instalación dunha pantalla de 55 polgadas que ofrecerá información ás e aos visitantes a través da interconexión coa rede Info Rías Baixas. Ademais, o interior desta oficina albergará unha tableta na que se poderán realizar enquisas de satisfacción. A dixitalización da oferta turística propagarase tamén polo municipio da Guarda coa colocación de 19 beacons, unhas balizas electrónicas que transmitirán información de interese aos móbiles das e dos visitantes a través da tecnoloxía Bluetooth.
A Rede Info Rías Baixas é un modelo que conta con 33 oficinas adheridas e espalladas por toda a provincia de Pontevedra. Foi creada hai catro anos pola Deputación para garantir un servizo de atención de calidade nas oficinas de turismo da provincia, ás que dota de máis medios, de novas tecnoloxías e dunha imaxe unificada a fin de mellorar o grao de satisfacción dos e das visitantes.

PUBLICIDADE