A ONU premia a ferramenta na que se basea o Portal de Participación UDC

xoves, 7 de xuño do 2018 Redacción

A plataforma de participación cidadá Decide Madrid, do Concello de Madrid, que a fonte da que abrollaron proxectos que nos collen de preto, como o Portal de Participación da Universidade da Coruña (udcdecide.udc.gal), vén de recibir o Premio ao Servizo Público da ONU 2018 por “establecer modelos de gobernabilidade máis abertos, transparentes, participativos e inclusivos”. O recoñecemento obtívose na categoría Facer que as institucións sexan inclusivas e garantan a participación na toma de decisións, á que se presentaron un total de 111 candidaturas de todo o mundo.
Segundo lembra a UDC, esta plataforma base emprega a aplicación de software libre Consul, desenvolvida e liberada polo Concello de Madrid, que está a usarse por preto de 80 institucións de 16 países, “consolidándose como referente mundial en canto a participación cidadá”. Entre outros, estase a usar polos gobernos de París, Turín, Bos Aires, Quito, Lima, La Paz, Montevideo. Ademais o Goberno de Uruguai utiliza esta aplicación a nivel nacional para desenvolver o seu plan de goberno aberto.
A Universidade da Coruña é a única universidade adherida a esta iniciativa de participación. O portal da UDC, como lembraremos, foi lanzado e presentado en outubro de 2017, cando se deu a coñecer como un novo e interesante xeito de “facer comunidade” nos campus e alén deles. Segundo se fixo saber daquela, o portal posibilita que “calquera usuario da comunidade universitaria poida debater sobre os temas que lle preocupan, propoñer ideas de mellora da UDC e decidir, co seu voto, as que se leven a cabo”. O seu funcionamento é o seguinte: as/os usuarias/os dos campus teñen grazas ao portal a posibilidade de crear e apoiar novas propostas que en caso de acadar unha cantidade de votos elevada serán estudadas por un grupo de traballo para decidir despois se se leva a cabo. A plataforma tamén se abre á cidadanía, aínda que só poden presentar e apoiar propostas os membros da comunidade universitaria.

Tamén no Concello da Coruña

A plataforma de participación CONSUL é a que serve de soporte para o proceso de Orzamentos Participativos do Concello da Coruña dende o ano 2016, cando implantouse a través de A Porta Aberta, que serve de base para o programa de democracia directa que facilita á cidadanía a toma de decisións respecto a unha parte dos investimentos municipais.
O coñecer o galardón da ONU a concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, salientou que o Concello da Coruña «seguirá a colaborar e alimentar tanto esta plataforma como outros proxectos colaborativos» como a Plataforma de Goberno Aberto, Colaborativa e Interoperable que A Coruña está a desenvolver con Madrid, Zaragoza e Santiago de Compostela a través da convocatoria estatal Ciudades Inteligentes de la agenda digital para España.

PUBLICIDADE