A ONU debaterá sobre a situación das linguas minoritarias na Rede

martes, 4 de setembro do 2007 Marcus Fernández

Nitin Desai, secretario xeral da ONU para a Gobernabilidade na Internet

O Foro de Gobernabilidade da Internet patrocinado pola ONU debaterá sobre a promoción do uso das linguas minoritarias no encontro que terá lugar en Río de Janeiro do 12 ó 15 de novembro, repetindo así unha polémica que xa se tratara en Atenas.
O secretario xeral da ONU para a Gobernabilidade na Internet, Nitin Desai, explicou nunha rolda de prensa en Xenebra que durante o vindeiro encontro procurarán buscar unha forma de promover o uso de linguas minoritarias, especialmente as que non se escriben con grafía latina.
Tamén se debaterá sobre cuestións como a promoción dos contidos locais e da diversidade cultural, a seguridade na Rede, a loita contra os delitos electrónicos e o acceso dos grupos marxinados.
Desai tamén destacou que esta será a segunda xuntanza en tratar tales problemáticas, pero procurarán celebrar 5 máis, aínda que traballarán en “solucionar as cuestións máis urxentes”.

PUBLICIDADE