A OCU fai un chamamento para esixir aos fabricantes que deixen de mentir sobre a memoria do móbil

xoves, 10 de decembro do 2015 Fernando Sarasketa

Os fabricantes e os operadores menten acerca da memoria dos móbiles, unha memoria que a efectos prácticos case nunca coincide coa que sobre o papel nos venden. Así nolo lembra este días a Organización de Consumidores e Usuarios, OCU, atarefada achegando múltiples informacións de axuda e asesoramento co fin de que accedamos ás compras tecnolóxicas do Nadal da mellor maneira posíbel. Ou sexa, máis informados e menos babecos. Segundo informan, a venda de móbiles “desmemoriados” é un clásico do mercado, e para verificalo non temos máis que facer miúdas comprobacións nos terminais. “Da memoria interna que anuncia o fabricante”, sinala a OCU, “á que o teléfono ten en realidade hai bastante diferenza”. De feito, boa parte da mesma chúchaa o sistema operativo e as aplicacións de serie, non solicitadas polos usuarios, “que non poden ser eliminadas e que ás veces actualízanse restando espazo ao dispositivo”.
En termos concretos, no estudo da organización de consumidores sobre este punto sinálase que nalgúns modelos arredor das tres cuartas partes da capacidade de almacenamento anunciada e promovida non chega nunca a estar dispoñíbel para o o usuario. No caso dos teléfonos máis pequenos, os de 4 GB ou menos e os de entre 4 e 8 GB, a porcentaxe de perda de memoria pode chegar ao 78% nalgúns casos, “o que fai practicamente inservíbel o teléfono en moi pouco tempo de uso”, explica a OCU, que engade que este pode ser un bo intre para pór de relevo unha publicidade enganosa con “claros prexuízos para os consumidores”. A plataforma xa se dirixiu a un total de 17 fabricantes para reclamarlles o remate deste tipo de promocións-calote, instándoos a unha “conciliación xudicial”. Do mesmo xeito, a organización fai un chamamento aos usuarios a sumarnos á iniciativa, servindo de altofalante para unha campaña de denuncia desenvolvida baixo o seguinte lema: Que non nos toquen os Gigas.

PUBLICIDADE