A Noite Galega das Telecomunicacións do COET-AETG celébrase o 1 de xuño

venres, 13 de abril do 2018 Fernando Sarasketa

Foto de grupo da edición do ano pasado

En plena primavera e xa cun pé postos no verán (o día 1 de xuño) chega a edición 23 da Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información a gran cita anual do Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG) e, sen lugar a dúbidas, un dos grandes acontecementos tecnolóxicos e profesionais da nosa terra e do ámbito estatal. O evento, un ano máis, servirá para acubillar a entrega dos Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, dos que avanzamos hoxe mesmo dous dos seus galardóns: o Premio Gradiant á Mellor Tese Doutoral aplicada ao Sector TIC 2018 e máis o Premio Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais.
Dende o COETG e a AETG están a facer un chamamento para “facer partícipes neste foro a todas as empresas interesadas no patrocinio do evento, no cal estarán presentes as máis destacadas entidades e empresas do sector TIC”.

Galardóns do ano pasado

Na edición 2018 da Noite a relación de entidades e profesionais e investigadores premiados quedou da seguinte maneira: Enxeñeiro do Ano a Paulino González; Socio de Honra a Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA); Enxeñeiro Gerardo García Campos á mellor iniciativa empresarial no sector TIC a Situm Technologies; Gradiant á mellor tese doutoral aplicada ao sector TIC a Alejandro Ramos Soto; ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais, outorgado en colaboración coa AMTEGA, a Balidea Consulting & Programming; ao mellor expediente académico do Máster en Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo a Víctor Manuel Segura Sieiro; e o premio Acuntia á empresa galega que aposta polo desenvolvemento de infraestruturas intelixentes de telecomunicacións a FINSA.
O fío temático da edición anterior do evento foi, como lembraremos, a ciberseguridade. O obxectivo foi analizar conxuntamente os diferentes factores que inflúen no afianzamento da utilización do espazo dixital de forma segura.

PUBLICIDADE