A Mesa require a dispoñibilidade da ferramenta xudicial Minerva en galego

xoves, 21 de xaneiro do 2021 S. P.

A Mesa pola Normalización Lingüística vén de emitir un comunicado no que denuncia a escasa presenza do galego no ámbito da xustiza, non só a nivel presencial (só nos xulgados do social o emprego da nosa lingua é inferior ao 1%) senón tamén a nivel dixital, xa que, segundo fai saber a plataforma, a aplicación Minerva (que é a ferramenta coa que se tramitan os expedientes) non está dispoñíbel en en galego. Isto, din, “fai na práctica imposíbel o uso da nosa lingua por parte das e dos profesionais da administración pública de xustiza”.
Asemade, engaden dende A Mesa, este estado de cousas “incumpre de xeito sistemático o contemplado no artigo 9 da Carta europea das linguas minorizadas, que sinala que a petición dunha das partes os proceso xudiciais realizaranse na lingua minorizada”.
Neste punto, A Mesa reflicte un informe recente do sindicato CIG, que fai saber que malia que son presentadas dende a nosa terra o 20% das demandas do social, e pese a que solicita sempre o uso do galego nestes procedementos, “só teñen resposta positiva con respecto ao uso da nosa lingua en menos do 1% dos casos”.
Perante isto, a entidade de defensa da lingua solicitou unha xuntanza co director xeral de xustiza da Xunta de Galiza para o instar a que inicie canto antes a tradución da aplicación Minerva e dos seus modelos.
Lembrar que Minerva, para que non o saiba, é a ferramenta estatal e privativa de xestión procesual que soporta a tramitación da información relativa aos procedementos xudiciais, de forma que calquera órgano xudicial implicado na tramitación dun determinado procedemento poida acceder á información asociada ao mesmo.

PUBLICIDADE