A Mesa recoñece o apoio de Tuenti á nosa lingua co premio Abertos ao Galego

xoves, 29 de novembro do 2012 Marcus Fernández

A Mesa pola Normalización Lingüística recoñece co premio Abertos ao Galego á principal rede social para a mocidade en España, Tuenti, por incorporar o galego como unha opción normal que escollen cada día milleiros de mozos para comunicarse. Deste xeito dende A Mesa destacan o compromiso de Tuenti co galego, pois a compañía conta dende 2009 cun tradutor ao galego no seu cadro de persoal, o que permite manter e actualizar a versión en galego da súa plataforma social con garantías de profesionalidade e incluso dan soporte na nosa lingua, esforzo que poucas compañías semellantes fan.
O xurado do premio Abertos ao Galego estivo constituído por Evaristo Rodríguez Carracedo, en representación da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, Nel Vidal, pola Coordinadora de Traballadores pola Normalización Lingüística, e os membros da Permanente da Mesa pola Normalización Lingüística: Carlos Callón, Susana Méndez, Carlos Outeiro, Iria Taibo e Paulo Filgueiras.
Estamos ante a primeira edición dos Premios Abertos ao Galego, que buscan prestixiar o traballo das empresas que traballan en galego e animan ao conxunto da sociedade a practicar un consumo responsable coa lingua e cultura do país, formalizándose coa entrega deste galardón o vindeiro 19 de decembro nun acto que vai celebrarse no Pazo da Pedreira de Pontevedra.
Dende o blog de Tuenti celebran o recoñecemento nunha mensaxe en español e galego, como sinal de respecto pola nosa lingua e para dar unha maior difusión a tal nova.

Tuenti ofrece interface en galego dende finais de 2009

PUBLICIDADE