A Mesa reclama a tradución do Dragon Ball GT ao galego

venres, 18 de abril do 2008 Raquel Noya

A distribuidora Selecta Visión vai pór no mercado o DVD da terceira e última entrega da saga da mítica serie de debuxos animados Dragon Ball GT, continuación de Dragon Ball e Dragon Ball Z, que os galegos non poderemos escoitar na nosa lingua por (en palabras da Mesa) “unha decisión da TVG de excederse nos prezos das dobraxes”.
Así o vén de anunciar a sección xuvenil da dita plataforma, que lle pide explicacións ao ente público por “non cederlle as súas dobraxes en iguais condicións cá ETB vasca e a TV3 catalá”, tal e como tiña acordado previamente coa distribuidora.
Esta última escúsase perante as queixas e solicitudes de información que vén recibindo nas últimas semanas afirmando que “os prezos das dobraxes da TVG son inasumíbeis” en relación dos das outras televisións autonómicas; acusacións das que a galega aínda non tivo oportunidade de defenderse e de dar a súa versión dos feitos.
Desta volta, Songoku e mailos seus amigos non falarán en galego (lingua á que nos tiñan tan afeitos os da TVG, que durante anos emitiu a serie sen tregua para deleite dos seareiros do Xabarín Club) e si o farán en castelán, xaponés e catalán (ámbalas dúas subtituladas en castelán).
Ao coñecer esta nova “situación de discriminación da nosa lingua no ámbito audiovisual”, a Mocidade pola Normalización Lingüística dirixiuse tanto á Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galiza como á dirección da TVG para “pedir explicacións” polo que, segundo explicou o colectivo, “sería a todas luces un incumprimento do compromiso contraído pola propia TVG coa Mesa en 2006 para ceder as súas dobraxes en iguais condicións ás da ETB vasca e a TV3 catalá”.
Algo que aínda non podemos corroborar á espera da resposta dos responsables da TVG.

PUBLICIDADE