A Mesa protesta en Ikea pola exclusión do galego da súa páxina web

luns, 23 de setembro do 2019 Fernando Sarasketa

A semana pasada, o venres, a Mesa pola Normalización Lingüística levou a cabo unha actividade de protesta perante as instalacións do xigante Ikea, no recinto de Marineda City na Coruña. O motivo foi o desleixo da compañía sueca polo galego na súa páxina web, que como poderemos comprobar, achégasenos en castelán e catalán, pero non galego.
Isto tamén é aplicábel á nova liña de catálogos, cuxos exemplares achegados na nosa lingua presentan “moita dificultade” para seren atopados, segundo informa A Mesa. Na actividade reivindicativa da Mesa podía lerse a pancarta coa seguinte petición: “Vi vill ha galiciska på Ikea” (“Queremos galego en Ikea”).
A Mesa lembrou que aínda que o catálogo web de Ikea si que está dispoñíbel en galego, malia os atrancos para chegar aos usuarios, a web só dispón versión en castelán, inglés e catalán. “Ikea esqueceu o galego e non resposta os correos que enviamos para llo lembrar!”, denuncia a entidade, que convidou á comunidade internauta galega a enviar un correo a so.arcolopd.es@ikea.com reclamando a web en galego ou a presentar unha queixa en atención ao cliente e enviar copia desta a linhadogalego@amesa.gal, para poder facer seguimento das queixas presentadas e aumentar a presión.

PUBLICIDADE