A Mesa pon na Rede un completo catálogo de produtos agasallábeis en galego

martes, 15 de decembro do 2020 Redacción

A Mesa pola Normalización Lingüística lanzou estes días un catálogo online con centos de propostas de compras e agasallos de Nadal en galego. A listaxe de produtos, destacada tanto pola súa variedade (libros, discos, cadernos e elementos decorativos, xogos, roupa, complementos, experiencias, alimentos) como pola súa cantidade, está xa dispoñíbel na páxina web da Mesa, aínda que tamén se vai achegar á cidadanía en formato impreso, de balde, nas tendas de Abertos ao Galego de todo o país.
“Consideramos importante recoñecer as empresas que empregan con normalidade o galego no ámbito socioeconómico”, afirma o presidente da Mesa, Marcos Maceira, e recorda que “coa decisión de facermos presentes en galego como consumidoras e consumidores estamos a pór en valor a nosa lingua, a nosa cultura e tamén a nosa economía”.
O catálogo forma parte do proxecto Abertos ao Galego, que certifica o compromiso coa normalización da nosa lingua de empresas, comercios, asociacións e entidades de toda índole. Desde o cumprimento da lexislación lingüística e o estabelecemento de medidas concretas para o uso do galego, até o uso sistemático do galego tanto interna como externamente e a solicitude de información e documentación en galego a provedores e administracións, Abertos ao Galego acompaña e apoia aquelas entidades que apostan dun xeito consciente pola lingua propia amosándolle á cidadanía os seus esforzos e animando os consumidores e consumidoras a apoialas, escollendo os seus produtos ou servizos.
O devandito catálogo tamén se pode compartir en Isuu.

PUBLICIDADE