A Mesa pon en liña un catálogo de agasallos de Nadal en galego

venres, 26 de novembro do 2021 S. P.

A Mesa vén de lanzar un extenso catálogo con centos de propostas de compras e agasallos de Nadal en galego. Distribuirao de xeito gratuíto esta fin de semana na feira Culturgal de Pontevedra e máis na web da entidade, en formato PDF, cuxo obxectivo é recoñecer o compromiso coa lingua e a cultura das empresas que empregan con normalidade o galego no ámbito socioeconómico.
Libros, discos, cadernos e elementos decorativos, xogos, instrumentos musicais, roupa, complementos, plantas, enerxía, servizos profesionais, experiencias, alimentos, son algunhas das categorías de produtos que temos dispoñíbeis no catálogo, que tamén será dado a coñecer este venres 26 de novembro, ás 20h15, na Casa da Cultura de Vilalba, nun acto organizado polo Instituto de Estudos Chairegos e mais polo Consello da Cultura Galega.
"Consideramos importante recoñecer as empresas que empregan con normalidade o galego no ámbito socioeconómico", afirma o presidente da Mesa, Marcos Maceira, e recorda que "coa decisión de facermos presentes en galego como consumidoras e consumidores estamos a pór en valor a nosa lingua, a nosa cultura e tamén a nosa economía”. Maceira engade que este catálogo é “o máis extenso e diverso de cantos leva publicado o proxecto Abertos ao Galego, que certifica o compromiso coa normalización da nosa lingua de empresas, comercios, asociacións e entidades de toda índole”.

PUBLICIDADE