A Mesa lanza críticas contra Movistar polos trece anos de desleixo ao galego da súa web

luns, 22 de abril do 2013 Fernando Sarasketa

Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística nunha imaxe de Sermos Galiza

Movistar e o grupo ao que pertence, Telefónica, desenvolven importantes labores de achega de servizo e infraestrutura na nosa terra pero este traballo, por desgraza, non semella vir acompañado dunha atención análoga pola lingua galega. Así nolo recordou os días pasados A Mesa pola Normalización Lingüística, que vén de pór de manifesto o desleixo de Movistar ante o noso idioma con respecto á web de seu, grave baleiro comunicativo que, malia que esteamos a falar dunha nova páxina, xa vén de antigo e tamén existía nas anteriores versións. De feito, segundo informa a asociación que dirixe Carlos Callón, a non inclusión do galego na páxina remodelada incumpre unha promesa feita por Movistar á Mesa hai xa cinco anos. A entidade en defensa do galego denuncia que “a burla de Movistar vese con maior claridade cando observamos como acaba de renovar a súa páxina web e esta só está dispoñíbel en castelán e catalán”.
Para a asociación, o caso é aínda máis grave se temos en conta que non estamos a falar dunha empresa acabada de chegar e que aínda require dun tempo para optimizar os procesos de comunicación e adaptalos de maneira axeitada ao país no que desenvolve o seu labor, realmente do que estamos a falar é dunha empresa moi experimentada, que dispuxo de tempo de abondo para coñecer e aceptar certas realidades culturais. Así, sinala A Mesa, malia terse gabado en repetidas ocasións das grandes vantaxes da comunicación en liña, “Telefónica sempre descoidou a súa atención web fronte á atención presencial ou telefónica no que atinxe aos idiomas”. Xa desde o ano 2000 e coa súa páxina TelefonicaOnline, lembra a plataforma galega, Telefónica só incorporou o castelán e o catalán como linguas únicas en que o web se podía consultar. “Trece anos despois, a páxina actual de atención ao público, Movistar, continúa só nestas dúas linguas”, engade. Para A Mesa pola Normalización Lingüística non pode haber calidade na atención á usuaria ou ao usuario nin unha boa experiencia das persoas galegofalantes “se non temos nin tan sequera a opción de recibirmos a información na nosa lingua”. É por iso, polo que, “para acadarmos o respecto que nos merecemos como galegas e galegos”, A mesa propón á cidadanía que fagan chegar a súa queixa á empresa e a a que lle dean forza no Twitter a través da etiqueta #MovistarPáxinaEnGalegoXA.

PUBLICIDADE