A Maker Faire Galicia pecha o call for makers con record de proxectos presentados

mércores, 19 de abril do 2023 S. P.

O trebello Laddroller será un dos protagonistas do evento tecnolóxico compostelán

A Maker Faire Galicia, que se celebrará do 1 ao 4 de xuño en formato híbrido no Museo Gaiás da Cidade da Cultura, pechou esta semana a chamada a makers, a través da cal recibíronse máis de 70 proxectos tanto a nivel nacional como internacional. O evento conta co apoio do Concello de Santiago, entre outros organismos, e está organizada por Vermis.
Ademais desta escolma de proxectos, que se dará a coñecer nas próximas semanas na páxina web do evento, a organización comezou a avanzar algúns dos contidos máis destacados das xornadas. Neles haberá referentes tanto nacionais como internacionais nos ámbitos da educación STEAM, a intelixencia artificial, a arte, os videoxogos, a biotecnoloxía, a enerxía, a divulgación científica ou a innovación inclusiva.
A xornada da industria, que será o 1 de xuño en horario de mañá e tarde, contará, entre outros, coa presenza de Dimitris Petrotos, arquitecto grego, fundador de Solomon Ears e 3dsGR, inventor da táboa de 11 mm, do Medusa Bungalow e creador de Laddroller, unha cadeira de rodas eléctrica resultante dun híbrido entre un exoesqueleto e unha cadeira de rodas. Ademais de Dimitris, esta xornada completarase con dúas mesas, unha sobre Intelixencia Artificial e outra sobre biotecnoloxía, e pecharase coa presentación dun proxecto enerxético que promete marcar un antes e un despois no ámbito da sustentabilidade e do desenvolvemento das tecnoloxías argalleiras.
A xornada específica adicada ao ámbito educativo (o 2 de xuño), contará, entre outros, coa presenza de Samu, un maker de Gondomar de 13 anos coñecido coma o príncipe do graffiti, e a divulgadora científica Eva Cabanelas. Ademais deles, celebrarase unha mesa no ámbito da inclusión, con varias referencias a nivel nacional, así como a presentación dun dos proxectos IoT (Internet das Cousas), realizado polo alumnado, máis destacado e máis premiado dos últimos anos.
Durante as xornadas de portas abertas, previstas para os días 3 e 4 de xuño e dirixidas a todos os públicos, ademais de poder interactuar cos mellores proxectos do ecosistema maker a nivel internacional, realizaranse numerosas charlas e obradoiros, as cales irá revelando progresivamente a organización.
Entre os contidos máis destacados deste ano estarán a II edición do Hackathon de Tecnoloxías de Apoio, a cuarta edición da Game Maker JAM ou os obradoiros STEAM a cargo de VermisLAB.
A inscrición dos asistentes para acceder aos contidos en liña xa está aberta e é totalmente gratuíta.
A IX edición da Maker Faire Galicia conta co apoio do Concello de Santiago, a Xunta de Galicia, a Fundación Cidade da Cultura e a Asociación para o Progreso da Dirección (APD), o Círculo Financiero de Galicia e realízase coa colaboración da Fundación Española para Ciencia e Tecnoloxía - Ministerio de Ciencia e Innovación.

PUBLICIDADE