A Lei de Economía Sustentable continúa o seu trámite parlamentario sen cambios significativos

luns, 22 de marzo do 2010 Marcus Fernández

Coma adiantamos o pasado xoves, agardábase que o Goberno aprobase a Lei de Economía Sustentable sen modificacións importantes, de xeito que na súa disposición adicional primeira regúlase as descargas na Rede, facendo posible o peche de páxinas web que establezan ligazóns a contidos protexidos por dereitos de autor a través dunha Comisión de Propiedade Intelectual pese á oposición de milleiros de internautas (un grupo de Facebook recolle a máis de 228.000) que volveron a mobilizarse contra esta medida, o que resultou especialmente rechamante o pasado venres, cando espazos web coma SeriesYonkis.com ou CineTube.es amosaron unha pantalla en negro para marcar unha xornada de reflexión sobre o texto aprobado polo Consello de Ministros e que agora continúa o seu trámite parlamentario (polo que aínda podería ser modificado).
Resulta rechamante que o Goberno aprobe o polémico anteproxecto de Lei durante unha xornada festiva (Día de San Xosé) e xusto tras a publicación dunha sentenza xudicial na que consideraban que as páxinas de descargas a través de redes P2P non son ilegais, ignorando tamén o parecer do Consello Xeral do Poder Xudicial (dende o que consideran que a Comisión da Propiedade Intelectual podería sobrecargar os xulgados) e da propia Fiscalía Xeral do Estado (que dubidaba sobre o feito de que a nova Lei dese o mesmo rango á propiedade intelectual que a dereitos fundamentais).
Non falta incluso quen pensa (baseándose en datos) que esta medida aprobada polo Goberno Zapatero podería levar ao PSOE a perder os vindeiros comicios electorais, aínda que ante tal argumento tamén resulta paradoxal ver cómo a oposición (e outras forzas políticas), pese a criticar durante este tempo a polémica Lei de Economía Sustentable, non emprenderon medidas serias na súa contra, cando menos no tocante ás medidas de control da Internet.

PUBLICIDADE