A Internet ultrarrápida chegará ás parroquias de Moraña antes do remate do ano

venres, 31 de agosto do 2018 Fernando Sarasketa

A alcaldesa de Moraña visitando as obras de fornecemento de fibra óptica

O Concello de Moraña vén de achegar datos sobre os traballos desenvolvidos no termo municipal para ofrecer Internet de alta velocidade á veciñanza. Segundo fixo saber de primeira a alcaldesa, Luisa Piñeira, quen visitou os traballos de despregue na contorna do polígono local de Mirallos, a Rede ultrarrápida (con velocidades de polo menos 100 Mbps) chegará a Moraña antes do remate do ano.
Máis polo miúdo, chegará antes de finalizar 2018 ao centro urbano, aos polígonos de Afieiras e Mirallos e ás aldeas de Paraños, Chaián, Souto, Alberguería, Corrigatos e Soar.
A alcaldesa tamén fixo saber que de maneira complementaria vaise pór en marcha outra iniciativa de fornecemento tecnolóxico para posibilitar máis velocidade de acceso a Internet nas áreas do termo municipal que polo de agora non vaian contar coa devandita infraestrutura (fibra óptica até o fogar, tecnoloxía FTTH polas súas siglas en inglés) subministrada ao abeiro do Plan de Banda Larga 2020 impulsado pola Administración autonómica con fondos europeos, do que (por certo) tamén falamos os días pasados dende Código Cero para dar conta das previsións para o concello de Oleiros, o de Carballo e mailo de Teo,
Este plan, do que informamos con motivo da presentación das importantes actuacións no rural que inclúe, prevé o despregue de redes ultrarrápidas na Galicia non urbana no devandito período de dous anos, uns traballos que serán desenvolvidos por Teléfonica e que terán co-financiamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER). O resultado será que unha parte moi relevante das nosas vilas de pequeno tamaño e das nosas aldeas e miúdos núcleos de poboación contarán con servizos de acceso a Internet de máis de 100 Mbps simétricos mediante fibra óptica.

PUBLICIDADE