A Internet galega conta dende hoxe cunha web ao servizo da difusión teatral

xoves, 18 de decembro do 2008 Fernando Sarasketa

O teatro galego está arestora buscando novos contidos e, sobre todo, novas formas de comunicarse cos espectadores e co mundo. O proceso de medre e de busca é constante, e semella que a dramaturgos, actrices e actores, produtores e a toda persoa en xeral vinculada directamente coas artes escénicas, o mundo real, como canle de interacción co seu público, estáselles a quedar miúdo. Nesta liña, precisamente, é onde se insire o proxecto tecnolóxico posto en marcha polo Centro Dramático Galego (CDG): unha páxina web específica para lograr que os textos escritos dos autores galegos teñan o radio de acción máis longo posible. Dáse a casualidade de que esta proposta en liña, presentada hoxe xoves no Salón Teatro de Compostela, é practicamente nova dende o seu arranque mesmo, tanto en Galiza como no estado español en xeral. Porén, o espírito que latexa debaixo da iniciativa é tan vello coma o teatro mesmo: a fin de contas, é un xeito de usar a Rede para poñerlle á capacidade de transmisión do fenómeno escénico as engranaxes e pezas que lle faltaban. Podemos ver o resultado do proxecto neste espazo: dramaturxiasdaactualidade.org.
Máis polo miúdo e segundo relataron os seus responsables no acto de posta en longo desenvolvido en Santiago, o novo espazo en liña ten o gran obxectivo duplo de ser vía de acceso de referencia para tomarlle o pulso á escrita dramática actual, e asemade, de servir de plataforma de lanzamento para os creadores. En certa maneira, funcionará de estudo de análises e palestra, recollendo información ao mesmo tempo que a subministra. En palabras dos seus creadores, “a súa construción está deseñada para ser un híbrido entre un depósito con acceso público de textos dramáticos e un foro de lectura teatral”. Dito doutro xeito: estamos ante unha biblioteca virtual aberta especializada na dramaturxia na que, ademais, están presentes os propios autores e dáse un clima favorable ao debate e á busca de novos contidos e expresións. Segundo os seus creadores, ábrese a porta ao subministro de todo tipo de recursos: “Non desbotamos que a web se converta nun espazo onde atopar materiais, suxestións e informacións sobre o que foi escrito recentemente ou está a ser escrito arestora dende o sistema teatral galego”.
Por certo que o Centro de Creación Dramática Contemporánea (CDC), órgano dependente do CDG, terá un papel especialmente activo na evolución da páxina-servizo. De feito, e segundo engadiron os seus responsables, convivirán no espazo en liña un número sen conto de textos escritos polos participantes no obradoiro de escrita permanente Pistas para unha dramaturxia de actualidade que dirixe dentro do CDC o autor Cándido Pazó. Amais destas pezas, poderemos atopar na web outras pezas de autores recoñecidos que queiran tirar partido desta canle para presentar e difundir os seus escritos ou propostas. Asemade, a páxina inclúe unha sección internacional aberta ao mundo con obras feitas en calquera lingua, así como pezas en reposición e textos de espectáculos estreados ao longo dos últimos anos polas compañías galegas.

PUBLICIDADE