A Internet das Cousas mellorará o servizo de augas de Noia, Ames, Burela e Soutomaior

martes, 31 de xullo do 2018 Fernando Sarasketa

Noia será un dos escenarios de desenvolvemento de Aquamundam

O Instituto Tecnolóxico de Galicia vai desenvolver en catro concellos galegos un proxecto europeo de xestión sustentábel do ciclo da auga baseado na Internet das Cousas, IoT polas súas siglas en inglés. Trátase de Aquamundam. O proxecto, liderado polo ITG e con radio de alcance galego-portugués, tamén conta coa participación de Augas de Galicia, a Fundación CARTIF, a Confederación Hidrográfica do Douro, a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho e Instituto Pedro Nunes.
Os concellos que servirán de escenario ás probas tecnolóxicas, dirixidas a optimizar a avaliación do abastecemento e o saneamento destes termos municipais (con diagnósticos pormenorizados das infraestruturas e dos servizos), son Noia, Ames, Burela e Soutomaior.
Aquamundam é un sistema de información integral para a xestión eficiente, integrada e sustentábel da auga en pequenos e medianos municipios do espazo POCTEP (Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal), pondo a disposición das vilas solucións tecnolóxicas propias de grandes cidades intelixentes.
Durante 15 meses estudaranse e proporanse melloras sobre aspectos relacionados co medio ambiente, a capacidade de infraestruturas, a operatividade e a calidade dos servizos ou a eficiencia no uso de recursos. E todo, sinala o ITG, “coa finalidade de identificar posíbeis puntos críticos no abastecemento, saneamento e depuración dos concellos”.
A elaboración de diagnósticos e plans de mellora deste catro municipios de Galicia (dun total de 12 repartidos entre as dúas beiras da raia galego-portuguesa) suporá “un mellor coñecemento destas infraestruturas e servizos, facilitando e guiando a adopción de medidas para o seu avance en termos de sustentabilidade e eficiencia”, explica o ITG, engadindo que o alicerce do sistema a empregar é un alicerce IoT. Este sistema, a través de sensores, permitirá dixitalizar os elementos da rede de abastecemento e saneamento co fin de inserir os datos, en tempo real, na plataforma web GIS de Aquamundam, deseñada para axudar a mellorar a xestión patrimonial das infraestruturas.
A plataforma en cuestión concíbese como “un único punto común de información para os titulares, xestores e usuarios”. Ademais, dará soporte á toma de decisións e permitirá reducir o tempo de resposta fronte ás posíbeis eventualidades que se presenten nos servizos de auga.
Aquamundam conta cun orzamento de 1,3 millóns de euros e está financiado con fondos europeos no marco do Programa de Cooperación Transfronteiriza de España e Portugal (POCTEP).

PUBLICIDADE