A Intelixencia Artificial e os seus relevantes impactos centraron a apertura do curso da RAGC

luns, 16 de xaneiro do 2023 S. P.

O académico Senén Barro, director científico do CiTIUS, na súa intervención

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou este luns 16 de xaneiro a apertura do seu curso académico 2023. Foi no Pazo de San Roque, en Santiago, a partir das 19:00 horas. A sesión incluíu unha lección maxistral de Senén Barro, director científico do CiTIUS da USC, que guindou luz sobre os novos camiños das tecnoloxías con capacidade de resolver problemas e entender, tratar, analizar e achegar información. Segundo dixo, a Intelixencia Artificial é un dos eidos científico-tecnolóxicos “máis activos e cun maior impacto social e económico na actualidade”.
Ao evento asistiu o presidente da institución, Juan Lema, e o resto do equipo de goberno da Academia, outras académicas e académicos e diversas autoridades como o delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; a subdirectora xeral de Ordenación, Inclusión e Innovación Educativa, Inmaculada Fernández; Daniel Castro, do Grupo Parlamentario do BNG; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; o vicerreitor de Política Científica da Universidade de Santiago, Vicente Pérez Muñuzuri; o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Freixanes; e o comandante director da Escola Naval Militar de Marín, Pedro Cardona; entre outros representantes de institucións políticas, culturais e académicas.
Juan Lema lembrou que “a vindeira semana cumprirase unha conmemoración importante”. Deste xeito, lembrou que o 26 de xaneiro de 1973, hai case 50 anos, seis ilustres membros da Real Academia Galega, os profesores Vidal Abascal, Parga Pondal, Iglesias Iglesias, García-Sabell, Fraguas y Fraguas e Torres Enciso acordan a creación da Academia de Ciencias Galega e solicitan do Ministerio de Educación e Ciencia a autorización correspondente. Na súa visión clarividente conciben unha entidade con `fins científicos e sociais en beneficio da cultura galega´, unha visión que seguimos compartindo os membros da RAGC”.
No transcurso do acto, o académico numerario da Sección de Ciencias Técnicas da RAGC Senén Barro (As Pontes, 1962) impartiu unha lección maxistral baixo o título Intelixencia Artificial: o noso último invento. Na súa intervención salientou que a IA é un dos eidos científico-tecnolóxicos “máis activos e cun maior impacto social e económico na actualidade”. Apuntou tamén que “aínda que a Intelixencia Artificial comezou con intentos de modelar o pensamento humano como vía para avanzar tanto no coñecemento do noso cerebro como para desenvolver máquinas capaces de imitalo, a día de hoxe, despois de sucesivos períodos de luces e sombras, vivimos unha aproximación moito máis pragmática, que busca desenvolver sistemas que empregan a IA na resolución de problemas”.
O académico puxo de relevo que “se ben non temos aínda unha forma de cuantificar ou medir a intelixencia dun dispositivo, en xeral podemos dicir que unha máquina ou programa informático posúe intelixencia [artificial] cando o sistema ten unha autonomía e riqueza de comportamento significativas en dominios dinámicos e complexos -un coche autónomo, por exemplo-, é capaz de aprender a través da experiencia adquirida sobre a contorna na que opera -un programa que mellora a medida que xoga ao xadrez ou que identifica os nosos gustos literarios mentres navegamos pola rede- e/ou presenta un alto grao de competencia en áreas especializadas do coñecemento humano -un sistema experto nun dominio médico ou para a concesión de créditos bancarios, por exemplo-“.
E engadiu: “A través da IA as máquinas xa son capaces de superarnos en moitos dominios ou tarefas concretas, non só físicas, senón tamén, e cada vez máis, as que requiren competencias cognitivas, como no recoñecemento de imaxes, no diagnóstico baseado en imaxes médicas ou sinais fisiolóxicas, na tradución entre linguas… e xa non digamos no xadrez ou en calquera outro xogo de estratexia”. Ao seu xuízo, “a Intelixencia Artificial interesa moito socialmente porque as súas capacidades son tantas, moitas aínda por construír e case todas por imaxinar, que levanta enormes expectativas e non poucas preocupacións”. E concluíu: “Pode que por iso sexan tantos os paradoxos, mitos, malentendidos, medias verdades e mesmo grandes mentiras que escoitamos e lemos en relación á IA e nos poden levar a especular que poida chegar a ser o noso último invento. Que chegue a selo, e sexa para ben, dependerá de como o fagamos polo camiño nós, as persoas”.
Toma de posesión da nova Comisión Executiva da RAGC
Durante o evento celebrouse ademais a toma de posesión da nova comisión executiva da Real Academia Galega de Ciencias. Mantense como presidente Juan Lema, como vicepresidenta Alicia Estévez, Pilar Bermejo na secretaría e Fernando Pérez como responsable de Publicacións e Relacións Sociais da Academia. O novo tesoureiro é José Ramón Cancelo, académico numerario da sección de Ciencias e Económicas e Sociais, que substitúe no cargo a Antón Álvarez, quen se fará cargo a partir de agora da presidencia de Sección de Ciencias Económicas e Sociais da RAGC.
Sobre Senén Barro
Barro é doutor en Física (premio extraordinario), catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial e director científico do CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes) da Universidade de Santiago.
Foi reitor da Universidade de Santiago entre 2002 e 2010, época na que impulsou o perfil investigador, innovador e emprendedor da Universidade compostelá e se desenvolveu o Campus Vida, recoñecido como Campus de Excelencia Internacional en 2009. Foi vicepresidente da Conferencia de Rectores de Universidades Españolas (2008-2010); presidente de RedEmprendia de 2010 a 2017, rede de 28 das mellores universidades de seis países de América Latina, España e Portugal, orientada á transferencia de I+D e emprendemento universitario.
É editor ou autor de sete libros e autor de máis de 300 artigos científicos, vencellados na súa maioría á Intelixencia Artificial. É socio fundador das firmas Situm Technologies e InVerbis. En 2020 recibiu o Premio Nacional de Informática José García Santesmases da SCIE-Fundación BBVA.
Durante o evento celebrarase ademais a toma de posesión da nova comisión executiva da Real Academia Galega de Ciencias.

PUBLICIDADE