A Intelixencia Artificial como ferramenta de igualdade centrou un congreso da APG

mércores, 29 de novembro do 2023 S. P.

Este martes 28 de novembro celebrouse na USC o V Congreso Medios de Comunicación e Igualdade de Xénero, organizado pola Asociación de Periodistas de Galicia (APG) co apoio da Xunta. O encontro xirou arredor da Intelixencia Artificial e a súa irrupción nos medios, feito que, segundo apuntaron os expertos reunidos no evento, constitúe un desafío para o xornalismo e “un momento histórico”. Participou na inauguración do congreso a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo.
Segundo afirmou Rivo, as intelixencias artificiais “deben ser empregadas de xeito responsábel para evitar caer en dinámicas discriminatorias e de desigualdade”. A conselleira defendeu “a permeabilidade da profesión xornalística ante os avances sociais e tecnolóxicos de cada época e agradeceu á APG o seu compromiso cos dereitos das mulleres e a dignificación da profesión xornalística”. E engadiu: “Quero reiterar o papel crucial das comunicadoras e comunicadores na consecución dunha sociedade máis xusta e Igualitaria, e o desenvolvemento dun espírito crítico que permita empregar as intelixencias artificiais con responsabilidade e perspectiva de xénero”.
Na inauguración, amais da presidenta da Asociación de Xornalistas de Galicia, María Méndez, tomou a palabra o reitor da USC, Antonio López, quen abordou a igualdade no acceso á IA e tamén a fenda de xénero nas novas tecnoloxías da información, que é a brecha que deixa fóra da alfabetización dixital (e dos postos de responsabilidade da industria innovadora e dos ámbitos STEM) a unha cantidade importante de mulleres. O reitor da USC dixo que é preciso pór en marcha iniciativas que reduzan esta brecha en sectores con “posibilidades de inserción profesional altísimas” como o da informática, e salientou a oportunidade deste Congreso para “abordar asuntos como as discriminacións que poden xurdir da aplicación da Intelixencia Artificial”.
O V Congreso, financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, celebrouse durante esta xornada no auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago.
Entre os conferenciantes atopábanse Idoia Salazar García, fundadora do Observatorio del Impacto Social e Ético da Intelixencia Artificial OdiseIA; Miren Gutiérrez Almazor, investigadora principal de ARES; Violeta Molina Gallardo, corresponsal de xénero da Axencia EFE e as redactoras especializadas Raquel Holgado e Carolina González Valenzuela.
Tamén participaron Gabriela Bouret e Natalia Louzau, xornalistas de La Nación arxentina. Desde Galicia achegaron as súas visións o responsábel de Ciencia de La Voz de Galicia, Raúl Romar García, e a adxunta ao director xeral da CRTVG, Rosa Vilas Núñez.
No transcurso do congreso, a presidenta do Observatorio OdiseIA, Idoia Salazar, sinalou que “un dos grandes inconvenientes da IA é o relativo á discriminación, con problemas de rumbos de xénero ou raza derivados en moitos casos da falta de coidado cos datos de adestramento e dunha confianza excesiva no sistema de Intelixencia Artificial á hora de automatizar a toma de decisións”.
A presidenta de OdiseIA recoñeceu estar convencida de que a IA “pode supoñer unha axuda significativa á hora de analizar as representacións de xéneros nos medios de comunicación e na publicidade, proporcionando datos valiosos que axuden a promover unha representación máis equitativa e diversa”.

PUBLICIDADE