«A Informática é a ferramenta máis democratizadora creada polo ser humano» – Fernando Suárez, presidente do CPEIG

venres, 28 de xuño do 2019 Fernando Sarasketa

Fernando Suárez, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia Os grandes retos da nosa vida presente e futura, por exemplo o gran reto de Galicia nas TIC, non precisan de esforzos illados e de fórmulas a título individual. Máis ben o contrario, necesitan da forza de moitas e moitos. A Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, organizada hoxe 28 de xuño en Santiago polo CPEIG (no Hotel Monumento San Francisco), é unha máis que relevante ocasión para relembrarnos a importancia de xuntar forzas polo progreso tecnolóxico. Así nolo conta o presidente do colexio, Fernando Suárez, que pon o foco nas amplas vertentes democráticas e participativas que abre a informática.

-Este 28 de xuño celébrase no Hotel Monumento San Francisco de Santiago, o que é sen dúbida o gran acontecemento anual do CPEIG, a Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia. Que novidades nos vai deparar a edición 2019 desta celebración en particular?
-Para o CPEIG supón o evento máis importante do ano, onde nos reunimos os colexiados, as empresas do sector, a administración pública… Penso que tanto para o colexio como para o sector é una mostra da unión necesaria para o progreso de toda a sociedade, onde a Informática é un dos piares básicos para este avance. Como sempre, será un acto distendido nunha data, ás portas das vacacións de verán, que permite reflexionar sobre todo o feito e planificar as propostas de futuro.
En canto ás novidades, ademais dos premios, hai unha actuación do actor galego galardoado co Goya na última edición destes premios, Luis Zahera, e varias sorpresas, cun concerto en directo a xeito de remate de festa que de seguro nos levanta o ánimo a todos.
En definitiva, agardamos que un ano máis a Noite sexa o escaparate para que a sociedade galega se sinta máis próxima a un colectivo que, grazas ao talento, á visión de futuro e á capacidade de innovación dos seus profesionais pode e debe situar a Galicia á fronte dun novo panorama económico.

-Que van ter en común as persoas, empresas e entidades distinguidas este ano cos galardóns do CPEIG?
-Os premios amosan a calidade, puxanza e liderado do sector TIC galego a nivel estatal e nivel internacional. O denominador común dos galardoados, tanto empresas como particulares, é a súa contribución a unha sociedade que cada vez é máis dixital e na que non podemos esquecer o factor humano para que este progreso sexa democrático e permita chegar a todas as esferas e colectivos. Polo tanto premiamos non só iniciativas e proxectos, senón que me atrevería a dicir que resaltamos o carácter máis social e colaborativo, mostrando deste xeito a forza e necesidade da unión. A pesares de que aínda hai quen persiste en actitudes que exclúen, dende o CPEIG fomentamos un sector integrador, solidario e colaborativo.

-Nesta edición, cales serán os fíos temáticos que constitúan o contido e o alicerce da Noite?
-Tradicionalmente non temos un fío temático na Noite, xa que son tantas as tecnoloxías disruptivas, os sectores implicados e a variedade dos galardoados que sería case que inxusto. Pero si que queremos reforzar dúas ideas forza: a unión e a ética. É hora de recordar a toda a sociedade que un sector TIC unido é unha proposta de progreso para todos os estamentos da nosa comunidade. E tamén romper moitos estereotipos e medos que pode haber no uso da tecnoloxía. A Informática é a ferramenta máis democratizadora creada polo ser humano, que está a impulsar un cambio vertixinoso, transformado de maneira radical o modo de facer as cousas en todos os ámbitos da nosa sociedade e levando a disrupción a todos os modelos de negocio. Pero para atopar a resposta axeitada a todos os retos presentes e futuros necesitamos valores. Valores que terán que adaptarse ás novas realidades e evolucionar con elas. Nos mesmos, os enxeñeiros en Informática, debemos ser os primeiros en ser conscientes do papel que xogamos como custodios da tecnoloxía máis poderosa e flexible inventada pola humanidade.

-O CPEIG vén de culminar unha tempada de intenso traballo a prol da igualdade tecnolóxica. Neste punto, cónstanos que un dos vosos grandes grandes obxectivos é rematar cos problemas de desigualdade de xénero que se están a dar no ámbito informático, tanto a nivel educativo (nas carreiras TIC) como despois a nivel profesional...
-Este non é un tema crucial para o CPEIG, senón para toda a sociedade. Tampouco é un problema particular que se dea en Galicia ou España, senón que é algo que acontece en practicamente todos os países. Dende o Colexio, tentamos aportar o noso gran de arena para transmitir que a nosa profesión non é algo exclusivo de chicos, tentando por en valor e visualizar a transversalidade da mesma. A informática está presente na sanidade, na educación, no lecer, no deporte, nas relacións persoais, nos medios de comunicación,… Polo tanto, non só hai oportunidades de desenvolver unha carreira profesional en calquera destes ámbitos a través da tecnoloxía, senón que non nos podemos permitir o luxo de prescindir de practicamente a metade do talento (tendo en conta que apenas hai un 15 % de novas matrículas femininas na Enxeñaría en Informática). Se non poñemos remedio, a velocidade de progreso se verá diminuída, tendo en conta, ademais, que moitos dos empregos do futuro (e me refiro a un futuro inmediato), serán de base tecnolóxica.

-A día de hoxe, mentres estamos a ter esta comunicación, cal é o estado de cousas da non sempre doada e ben levada relación entre o colectivo que representa o CPEIG, por unha banda, e a Administración central, pola outra?
-A relación da Enxeñaría en Informática coa Administración é boa, tanto a través do CPEIG como do CCII, pero é certo que a falta de regulamento profesional continúa a non ter unha solución satisfactoria. A proba da boa relación é que houbo iniciativas aprobadas por maioría en distintos parlamentos, incluíndo o galego e mesmo o Congreso dos Deputados, instando ao Goberno a dita regulación. O problema é que se abordou de xeito global a través dunha reforma da Lei de Servizos e Colexios Profesionais que nunca chegou a tramitarse. Tal vez tería sido máis sinxelo unha reforma específica para a Enxeñaría en Informática, dada a importancia que ten na sociedade e que se visualizou nas iniciativas que antes mencionaba. Non pedimos máis que ter a mesma consideración que o resto das enxeñarías, algo que todas as instancias ás que lles comunicamos a nosa situación entenden como de xustiza. Agardamos que o novo Goberno sexa quen de decatarse da importancia desta profesión e deste sector e tomar as medidas oportunas. Europa, e España como parte da Unión, está a perder unha carreira cos actores punteiros na vangarda tecnolóxica, China e EE UU, a pesares de contar cunha canteira de talento e excelencia importante. Se non coidamos este recurso crucial, e este coidado pasa pola posta en valor e recoñecemento do mesmo, ficaremos nunha posición de desvantaxe competitiva.

-Saíndonos dos límites da celebración anual do 28 de xuño e tentando mirar máis alá no horizonte, que nos vai deparar (novidades, presentacións, propostas) o traballo do CPEIG para o verán e a recta final de ano? Podes avanzarnos algo?

- Continuaremos con actividades como as xa comentadas de fomentar o talento feminino no sector tecnolóxico, colaborando con entidades coas que vimos traballando como a Secretaría Xeral da Igualdade, AMTEGA, Educación ou CESGA. Tamén continuaremos a traballar na formación e capacitación non só dos nosos profesionais, algo fundamental nun entorno tan cambiante e innovador como o tecnolóxico, senón de todos os sectores como pode ser a administración pública ou os distintos sectores produtivos.
Estamos a fortalecer tamén a colaboración coas universidades para poder dar resposta á demanda de profesionais con coñecementos tecnolóxicos, sendo conscientes de que na actual Sociedade da Información o talento e a pedra angular do progreso.
E este año estamos a facer un grande esforzo en materia de ética. O Consejo de Colegios de Ingeniería en Informática vén de aprobar un código ético e deontolóxico para a práctica da Enxeñaría Informática en España, ao considerar a ética profesional como un dos elementos esenciais para a consecución e sustentabilidade da Sociedade da Información e o Coñecemento. Creouse ademais unha comisión nacional de ética, que teño a honra de presidir, e na que queremos dar cabida á colaboración con empresas, administracións e universidades para poñer á persoa no centro do debate sobre o progreso, situando o interese público e da sociedade por riba dos intereses comerciais.

PUBLICIDADE