A Igrexa, preocupada pola eficacia comunicativa das súas webs

xoves, 14 de xaneiro do 2010 Raquel Noya

Grazas á Universidade de Vigo, que estes días está a acoller un seminario centrado na análise de sitios web no marco das actividades do seu Máster en Investigación e Comunicación, vimos de saber que a Igrexa, lonxe de afastarse da Rede e todo o que ela conleva, dalle cada vez máis importancia á comunicación proxectada dende as súas páxinas web e esfórzase por ter unha presenza nas mesmas que sexa o máis acorde posible coas súas necesidades e coas de toda a Comunidade.
Así o vén de facer saber Daniel Arasa, profesor de Comunicación Dixital na Facultade de Comunicación Institucional da Universidade Pontífica de Santa Cruz de Roma, que esta semana está en Pontevedra impartindo o devandito seminario para os alumnos e alumnas do Máster en Investigación e Comunicación da Universidade de Vigo.
Arasa intenta transmitirlle ao alumnado como xestionar a páxina web dunha institución polo que, malia ao carácter xeral da materia, a súa experiencia próxima condúceo a exemplificar os contidos co caso da Igrexa.
Neste sentido afirma que moitos aspectos desta entidade son comúns a outras entidades, “máis no caso das non-profit que as comerciais” e sinala que de xeito xeral os xornalistas se queixan de que “as páxinas da Igrexa non responden a tempo, teñen unha linguaxe teolóxica complexa e ofrecen información de pouco interese e non noticiable”, unhas opinións coas que Arase non está totalmente dacordo.
O seminario de Daniel Arasa no mestrado é unha síntese da materia de Comunicación Dixital que imparte en Roma. Como el mesmo explica, “trátase de valorar a presenza institucional na Rede, que unha institución se formule a necesidade e a conveniencia de ter unha páxina”.
Aínda que hai outros moitos xeitos de estar en Internet, a web é un dos máis comúns, segundo o profesor Arasa, “pola súa versatilidade, xa que funciona como unha plataforma na que converxen moitas modalidades de comunicación como vídeo, audio, podcasts, e-mail ou newsletters”, e a Igrexa, segundo parece, está a botar man deles para transmitirlle as súas mensaxes á comunidade crente.

PUBLICIDADE