A Igrexa de Finlandia afianza as bases dun sistema de doazóns dos fieis por SMS

mércores, 15 de abril do 2009 Fernando Sarasketa

As novas tecnoloxías da información, do mesmo xeito que todo o restante paquete de evolución humana, teñen (que lle van facer!) certa tendencia a facernos a vida máis doada. En certa maneira, as ferramentas dixitais están ceibas de culpa: se hai alguén que a teña somos precisamente nós. Non nos enganemos: se hai Rede, móbiles e robótica é, entre outras razóns de carácter máis digno e altruísta, para permitirnos pasar máis tempo sentados no sofá. Disto, de aplicar ao extremo a filosofía de non mover un pelo mentres haxa aparellos que o fagan por nós é do que trata unha curiosa iniciativa persoal posta en marcha en Finlandia co obxectivo de afianzar, pola vía das novas tecnoloxías, as canles de comunicación que tradicionalmente uniron á Igrexa cos fregueses, sobre todo aquelas que máis teñen que ver co fluxo de axudas dende estes a aquela. Segundo sinala estes días Reuters, a proposta vén da man do deán da Catedral Oulu (na imaxe), Matti Pikkarainen, e en liñas xerais consiste en sentar as bases para permitirlles aos fieis facer doazóns de esmolas a través de mensaxes de texto e sen ter que asistir aos oficios relixiosos.
A idea, en contra do que se pode pensar, non é a de permitir o absentismo litúrxico sempre e cando haxa doazóns de por medio, senón a de modernizar a propia Igrexa a través de novos espazos de diálogo. O primeiro movemento da dita institución é buscar saídas a un atranco legal: segundo as leis do país nórdico, a Igrexa non pode recadar fondos a través destes medios. Neste intre, de feito, o deán atópase por así dicilo nunha fase avanzada do labor de mediación entre a Igrexa, institución non sempre favorable a ollar cara a adiante (por moito que se trate da Luterana Evanxélica, a de maior presenza no país e responsable da proposta) e o Goberno do país, que a petición de Pikkarainen está estudar a comenencia de mudar ou non a lei. De chegar a bo porto, a iniciativa estaría dirixida non só a fortalecer a contía das axudas que recibe a Igrexa, senón que tamén iría encamiñada a facer o máis doada posible a contribución dos fieis, que polo ritmo da vida moderna non sempre poden acudir aos oficios e facelo en primeira persoa.

PUBLICIDADE