A II Lanzadeira de Ourense chega á metade do camiño rexistrando as primeiras insercións

martes, 28 de marzo do 2017 Redacción

Ourense, amais de Arteixo, Lugo, Marín, Redondela e Santiago, tamén ten a súa Lanzadeira de Emprego. Onte sen ir máis lonxe, a palestra laboral da cidade das Burgas chegou ao seu ecuador e os seus impulsores e participantes xuntáronse para facer balance do acadado. Segundo informaron, xa se conseguiron as primeiras insercións no mercado laboral. Como lembraremos, a Lanzadeira de Emprego de Ourense, o igual que as restantes galegas (seis en total, en Santiago, Arteixo, Lugo, Marín e Redondela) e estatais (arredor de 150), veñen da man da Fundación Telefónica e da Fundación Santa María A Real. Trátase dunha iniciativa de formación avanzada e intensiva, moita dela directamente relacionada coas TIC, para tentar salvar os atrancos que impiden a boa parte da nosa poboación nova atopar un posto de traballo.
A Lanzadeira de Emprego de Ourense vai pola súa segunda edición. Esta convocatoria comezou a funcionar en decembro dando acubillo a unha vintena de persoas desempregadas. Na cita de onte, na que concorreron representantes das diferentes entidades promotoras (departindo co equipo de participantes, comprobando a evolución que experimentaron estes ao longo dos tres meses de actividade), fixo acto de presenza o alcalde da cidade, Jesús Vázquez, que enxalzou as capacidades das alumnas e alumnos e, tamén, o músculo innovador e eficaz das Lanzadeiras para a procura de emprego.
Lida Enrich, responsábel directa da xestión da Lanzadeira ourensá explicou ao comezo da visita que o equipo está formado na actualidade por 11 participantes (8 mulleres e 4 homes) con idades comprendidas entre os 19 e os 46 anos. Segundo engadiu, “por fortuna o equipo minguou”, o que significa que se están a cumprir os obxectivos. “É unha gran nova”, sinalou, “porque significa que 9 compañeiros xa atoparon traballo nestes primeiros meses en diferentes sectores, que van dende a mercadotecnia dixital á formación, pasando pola banca e a hostalería.
Pola súa banda, o responsábel dos programas de empregabilidade da Fundación Telefónica, Matías Figueroa, destacou que as lanzadeiras son “unha resposta eficaz ao problema do desemprego”.E engadiu: “Unha persoa que entra aquí sae moi distinta a como entrou”. Na súa opinión, “os resultados cuantitativos e cualitativos motívannos a seguir apostando por este proxecto que brinda unha oportunidade de mellorar a empregabilidade”.

PUBLICIDADE