A IA, presente en boa parte dos 12 proxectos elixidos para a fase de formación de Turislab

mércores, 7 de febreiro do 2024 S. P.

A aceleradora de empresas turísticas Turislab vén de seleccionar os 12 proxectos que comezarán a a fase de formación e mentoring este mesmo venres 9 de febreiro. A ducia de propostas elixidas polo comité de selección céntranse (entre outras actividades) en ofrecer propostas de turismo sustentábel, achegar solucións de Intelixencia Artificial a pequenas empresas turísticas, promover iniciativas de dinamización económica no rural ou fomentar o turismo responsábel. Turislab está liderada pola Xunta, a Cámara de Comercio de Pontevedra Vigo e Vilagarcía de Arousa e a Comunidade Intermunicipal Alto Minho (CIM AM).
Todos os proxectos comezarán a súa formación este venres no Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) e ata o mes de xullo contarán tamén co mentoring necesario para dar vida ao seu proxecto e facelo realidade. Esta fase desenvolverase durante os meses de febreiro ata xullo, sempre en fins de semana, e ao finalizar celebrarase un Demo Day, que servirá para destacar os gañadores.
O equipo de selección, conformado por 17 profesionais de distintas especialidades, acordou a listaxe definitiva de seleccionados en base á distintos criterios entre os que destacan as posibilidades de escalabilidade e internacionalización nos mercados, a viabilidade do proxecto e o investimento necesario ou os factores de innovación introducidos, entre outros aspectos.
Os seleccionados nesta fase foron Barvantia, que organiza experiencias personalizadas para caravanistas; Byroomnumbers, que ofrece servizos de check-in en liña para hoteis, permitindo personalización de estadías; Ecocabans, unha iniciativa que propón unha experiencia de turismo sustentábel en cabanas ecoeficientes; Exylon, que ofrece a pequenas empresas turísticas solucións de Intelixencia Artificial para análise de mercado e optimización de negocios ou Galisacra, que ofrece paquetes wellness personalizados e enfocados no benestar rural e experiencias diferentes no Camiño de Santiago.
Tamén foron elixidos Knowmad, iniciativa que ofrece paquetes de enogastronomía, turismo industrial e termal promovendo experiencias sustentábeis e valorización do patrimonio local; Kooltural, empresa que conecta público e potenciais visitantes con e organizadores culturais e Mvico, turismo activo en Galicia mediante rutas personalizadas en bicicleta integrando cultura e gastronomía local para unha experiencia cicloturística única e completa.
Do mesmo xeito tamén se seleccionou a Popup Coliving, unha asesoría para nómades dixitais no Camiño de Santiago; o proxecto de aldea rural Ruralife rehabilitando estruturas rurais para aloxamentos turísticos con servizos de coworking e sustentabilidade; así como a plataforma web Troulanda, que incrementa a visibilidade e negocio de operadores turísticos en Galicia e Norte de Portugal e Yglu, un software innovador con Intelixencia Artificial e análise de información a gran escala (Big Data) que ofrece viaxes personalizadas e fomenta o turismo responsábel.

PUBLICIDADE