A IA como ferramenta de traballo da comunidade investigadora centra unha xornada da USC

xoves, 18 de xaneiro do 2024 S. P.

Mostrar as posibilidades das novas ferramentas para facilitar o traballo investigador. Este é un dos grandes obxectivos da xornada de innovación e transferencia Como impulsar os resultados de investigación a través da IA, que se celebra este 24 de xaneiro na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC de 12.30 a 15.00 horas. A inscrición pode formalizarse a través dun formulario en liña ata o 22 de xaneiro. O obxectivo concreto da sesión é “identificar oportunidades e impulsar os resultados de investigación a través da Intelixencia Artificial”.
Carles Sierra, director do Instituto de Investigación en Intelixencia Artificial do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e da Universidade Autónoma de Barcelona; María José Carreira, investigadora do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS) e Antonio Artés Rodriguez, socio fundador de EB2, spin-off da Universidade Carlos III de Madrid serán os relatores nesta xornada.
Co programa búscase fomentar a hibridación de resultados de investigación, poñendo o foco na área de Ciencias Sociais e Humanidades coa Intelixencia Artificial. Así, o obxectivo deste encontro é coñecer casos de éxito que sexan exemplos desta hibridación e, por outra parte, fomentar a colaboración entre diferentes equipos de investigación da USC.
Está dirixida principalmente a persoal investigador dos diferentes centros de investigación en Ciencias Sociais, Humanidades e de Intelixencia Artificial da USC. Ademais, as persoas participantes que así o desexen terán a oportunidade de presentar os seus proxectos en formato elevator pitch.

PUBLICIDADE