A HBO permitirá o acceso ós seus contidos a través da Internet para os seus subscritores

martes, 22 de xaneiro do 2008 Marcus Fernández

A canle televisiva HBO vai estrear este ano un servizo de televisión a través da Internet que permitirá ós seus subscritores o acceso á carta a un amplo catálogo de series e películas, así como á posibilidade de ver a canle en directo a través da Internet.
HBO on Broadcast comezou a probarse esta semana nalgunhas cidades norteamericanas, e o servizo será de balde para os abonados por cable á HBO, resultando unha opción moi atractiva para os usuarios con máis mobilidade, ós que se lles abre a posibilidade de gozar do servizo televisivo pese a non estar no salón do seu domicilio.
Esta iniciativa da HBO podería marcar un camiño a seguir por outras canles de pago, que reaccionarían antes a presenza de moitas canles en aberto na Rede cunha opción alternativa baixo subscrición.
Polo momento, o novo servizo da HBO funcionará a través dunha aplicación cliente para Windows e as descargas estarán protexidas por tecnoloxía DRM, de xeito que as series e películas non se poderán transferir a discos ópticos nin a reprodutores multimedia. A aplicación tamén permite a carga progresiva, de xeito que se pode comezar a ver un contido ó pouco de comezar a súa carga, non tendo que agardar ó seu remate (como acontece cos vídeos en servizos coma YouTube).

PUBLICIDADE