A Guarda acolle un curso sobre novas tecnoloxías para mocidade emprendedora

luns, 8 de agosto do 2016 Redacción

A Asociación Érguete Baixo Miño vai iniciar o vindeiro 23 de agosto unha actividade formativa sobre as vantaxes e posibilidades das TIC á hora de iniciarmos un proxecto comercial e empresarial ou ben lanzarnos á busca de emprego. O curso Emprender a través das Novas Tecnoloxías desenvolverase até o 16 de setembro na Guarda abranguendo un total de 60 horas e incluíndo a achega dun certificado de participación. Levarase a cabo en colaboración coa Consellería de Política Social - Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado- dentro do Programa Iniciativa Xove. Trátase dunha serie de obradoiros dirixidos a amosar á mocidade as potencialidades de uso das novas tecnoloxías ao mesmo tempo que se fomenta a idea de empregabilidade a través da Rede.
O curso está dirixido a mozos e mozas desempregados/as preferentemente de entre 16 a 35 anos. O horario será de 9:00 a 14:00 horas, os martes, xoves e venres. Os talleres serán de balde e levarase a cabo na Aula de Informática San Benito da Guarda. Segundo sinala a organización, é imprescindíbel realizar a inscrición a través do formulario que atoparemos na web www.erguete.org. Abordaranse, entre outros, os seguintes eidos temáticos: mercadotecnia dixital (que facer, como facelo, cando facelo, onde facelo), redes sociais (cal é a máis acaida, como se lles pode tirar o máximo partido) e aplicacións móbiles.

PUBLICIDADE