A Generalitat pídelle a Apple que inclúa o catalán nos seus programas

luns, 29 de xaneiro do 2007 Fernando Sarasketa

En Cataluña tamén andan a desbastar pedra con empresas tecnolóxicas que, en maior ou menor medida, discriminan a súa lingua (e, na meirande parte dos casos, tamén a nosa). Un exemplo disto é a petición de versión catalá para os produtos da multinacional Apple que vén de facer a Secretaría de Política Lingüística da Generalitat. A reclamación vén de lonxe, polo que máis ben se podería definir de “recordatorio” dos compromisos feitos pola empresa “á hora de defender os dereitos lingüísticos dos cataláns”. Para a Generalitat, é fundamental que a súa fala sexa incluída en tódolos produtos de Apple -sobre todo no novo e moi agardado sistema operativo Mac OS Leopard, que se porá no mercado o vindeiro verán- e exactamente nas mesmas condicións cás linguas que aparecen agora mesmo nos seus produtos. Para Miquel Pueyo, secretario de Política Lingüística, “moitas son as empresas que, conscientes do novo contexto social e económico no que operan, apostan pola práctica do multilingüísmo como valor empresarial e como elemento de responsabilidade corporativa”.

PUBLICIDADE