A Galipedia lanza unha iniciativa para acompañar o confinamento con traducións colectivas de artigos

mércores, 1 de abril do 2020 Fernando Sarasketa

Co obxectivo de paliar no posíbel a reclusión forzosa derivada do Estado de Alarma ao tempo que se fomenta a participación da cidadanía no enriquecemento da Wikipedia en galego, a Galipedia, o equipo impulsor da enciclopedia galega dixital vén de pór en marcha unha iniciativa que consiste en alentar novas incorporacións de voluntarias e voluntarios ao seu cadro de tradutores. A iniciativa ten un nome que fala por si só dos seus obxectivos e da complexa situación da que abrolla: EuTraduzoNaCasa. Outro dos obxectivos é abrir unha porta da Galipedia á xente que, polas razóns que foran, aínda non participou nela.
A proposta utiliza a ferramenta do Tradutor de Contido da enciclopedia, e propón facer traducións de “artigos bos e de calidade” da Wikipedia en castelán que aínda non existan na Galipedia. No que respecta aos textos para localizar ao galego, son artigos que da foron revisados por moitos usuarios e pasaron por un proceso de votación para acadar esa cualificación, “co cal asegurámonos de que as achegas sexan de calidade”, explica o equipo da Galipedia, engadindo que a fórmula empregada é a formula do Tradutor de Contidos porque é “unha ferramenta que que facilita o traballo de tradución de artigos doutras Wikipedias”, xa que integra unha ferramenta de translación automática de gran nivel, ao mesmo tempo que mantén as ligazóns e o formato wiki dos artigos, aforrando traballo ás persoas editoras. Temos toda a información da iniciativa dispoñíbel na propia Galipedia, incluíndo varios videotitoriais sobre como configurar e utilizar a ferramenta devandita, de uso moi doado.

PUBLICIDADE