A Galipedia convoca á nosa comunidade internauta para celebrar o seu oito aniversario

martes, 8 de marzo do 2011 Fernando Sarasketa

A Galipedia xa ten oito anos. A versión galega da enciclopedia en liña Wikipedia, que contou co impulso orixinal de Antonio Gregorio Montes e do profesor Miguel Bugallo (entre outros) para converterse en realidade, xa hai tempo que confirmou que ía ter corda para rato, tanto como canle de coñecemento propio (para nós os galegos) como presentándonos perante o mundo. A Galipedia, que está en proceso continuo de medre e de portas abertas para quen queira colaborar (precisamente) neste proceso (e sen que se requiran grandes coñecementos e habilidades informáticas), anda a día de hoxe a rentes dos 69.000 artigos, quedando ben pouco para chegar á cifra dos 70.000 válidos. Sen ir máis lonxe, este será o principal reto das celebracións destes días e da maratón prevista para o sábado 12 de marzo.
Máis polo miúdo, trátase dunha convocatoria dirixida a animar á comunidade internauta galega á creación de 500 entradas novas cun mínimo de 15-20 liñas. A maratón galipédica, así se chama, vén da man dos principais contribuíntes á enciclopedia dixital galega, que xa habilitaron na mesma web un espazo específico para ir formalizando as inscricións. O agasallo, amais do pracer de ter axudado a este espallamento da cultura galega, materializarase nunha camisola a xeito de lembranza.

PUBLICIDADE