A Galiciencia 2015 entrega o primeiro premio a un dispositivo que optimiza a comunicación alumno-profesor
luns, 23 de novembro do 2015
O
pasado
venres 20 de novembro dábanse a coñecer os gañadores da décima
edición da Galiciencia 2015. O primeiro premio foi para un
sistema de mellora da comunicación entre alumnos e profesores
desenvolvido por alumnos vascos. Máis polo miúdo, o proxecto de
Ander Aguiriano e Jonan Andoni Martin, da Lauro Ikastola
(Amorebieta-Etxano, Bizkaia) sobresaía entre as 54 propostas de
Secundaria que competían polo premio final, dotado con 1.000 euros
para financiar a súa participación noutra feira científica estatal
(Exporecerca 2016).
Pola
súa banda o equipo gañador analizou as dificultades que se
presentan na aula entre alumnos e profesores co fin de detectar cal é
a razón de que a comunicación se interrompa ou sexa inexistente.
Tras realizar entrevistas a alumnos, profesores e orientadores,
deseñaron unha proposta baseada nun software adaptado ás
necesidades de cada alumno e testárono no caso real dun neno con
autismo severo para o que se programou un comunicador dixital, con
resultados positivos. Finalmente, contrastáronse os resultados con
diferentes expertos no tema e establecéronse as liñas de mellora.
Como
adaptación especial para a Galiciencia, estes días no seu posto os
alumnos ofrecían aos visitantes a opción de probar a aplicación
para aprender algunhas palabras e expresións en euskara.
En
canto ao segundo premio, dotado con 500 euros para asistir á feira
científica vasca (Zientzia Azoka), correspondeulle ao proxecto
técnico para a construción da Galinercia, unha carrilana de
tecnoloxía punta. Alejandro González e Anxo Carpintero, do CPR
Plurilingüe Santa María-Maristas de Ourense, deseñaron un vehículo
de inercia empregando un sistema de balanceo baseado no Carver
Surfer, un monopatín experimental de BMW. O equipo foi recoñecido
tamén co premio ao proxecto coa mellor comunicación e presentación
oral.
En
terceiro lugar quedaron Pablo Lomba e Iago Vázquez do Colexio
Montecastelo de Vigo, co seu sistema para obter enerxía a partir da
circulación de vehículos e persoas, recibiron unha axuda de 200
euros para asistir á feira científica da Coruña. O seu proxecto
baséase no aforro enerxético mediante o uso de materiais
piezoeléctricos que recargarán unhas baterías a partir da enerxía
producida polo paso da xente e dos vehículos que permitirían
abastecer de enerxía tanto farois coma semáforos.
De
falarmos de novidades nesta Galiciencia 2015, outorgáronse tamén
recoñecementos a varios proxectos con base en habilidades e
temáticas concretas. Así, a camiseta deportiva con LED preventiva
para problemas de corazón, desenvolvida por Erea Barge e Pedro López
nas Aulas Tecnópole, salientou como proxecto máis innovador.
O
proxecto co método científico e proceso de investigación mellor
definido foi a investigación para a recuperación da memoria
histórica da Illa de San Simón (Pontevedra). Manuel Delgado e Diego
Moreira, do Colexio Alborada de Vigo.
O
premio ao mellor proxecto de humanidades foi para “Nin perdo nin
esquezo”, de Joan Giralt, que o desenvolveu na Associació per
Promoure la Recerca Jove (Magma), de Barcelona. Este traballo
audiovisual trata a tráxica historia dunha familia republicana que
se viu obrigada a exiliarse a Francia durante o final da Guerra Civil
Española.
No acto de
clausura entregáronse tamén os premios dos concursos de fotografía
e de deseño da camiseta oficial da Galiciencia. Os gañadores do de
fotografía son a profesora Antía González, do Colexio Alborada de
Vigo, e o alumno Juan Bembibre, do IES Carlos Casares de Vigo. O do
deseño da camiseta foi para Luís Feijoo do Colexio Luís Vives de
Ourense. A deseñadora da mascota oficial, Sira Ricoy, recolleu tamén
o seu premio.