A Fundación Telefónica inclúe dúas iniciativas galegas entre os finalistas dos seus premios ao ensino TIC

xoves, 8 de outubro do 2015 Redacción

A Fundación Telefónica incluíu dúas iniciativas galegas de innovación no ensino (os proxectos Barxilón no mar de Latón, do IES As Barxas de Moaña e Unha educación para o Século XXI, do CPI O Cruce de Cerceda), entre a ducia de finalistas do Premio Escolas para a Sociedade Dixital 2015, uns galardóns dirixidos a salientar e distinguir os esforzos a prol de comunidades educativas integradas co mundo dixital, “optimizando a través das TIC os procesos de ensino nas aulas”. Segundo informa a Fundación Telefónica, cada finalista recibe un premio de 1.000 euros cada un. Todos eles terán que presentar en novembro as súas propostas perante unha comisión de expertos, e en febreiro do ano vindeiro celebrarase a entrega de galardóns. O primeiro premio é de 9.000 euros e o segundo de 4.000.
Polo que respecta ás iniciativas galegas, Unha educación para o Século XXI (que ten presentación de seu en YouTube) consiste en boa medida en achegar un cambio de rumbo para o futuro do centro do que abrolla, enfocando esta nova estratexia “a fomentar as competencias dixitais do alumnado, a internacionalización e a súa integración no mundo laboral mediante a incorporación das TIC, o fomento da innovación e a avaliación continua dos estudantes e da actividade dos docentes”. Polo que atinxe a Barxilón no mar de Latón, tamén ten vídeo de presentación propio en YouTube e consiste, brevemente, nun libro ilustrado obra de 150 alumnos de 3º e 4º de la ESO do CEIP A Rúa (Cangas), do CEIP Espiñeira (Aldán), do IES Sánchez Cantón (Pontevedra) e do IES Xulián Magariños (Negreira), ademais do IES As Barxas. Segundo se fai saber, os estudantes colaboraron e traballaron en todos os treitos da iniciativa, dende a escolma dos textos até a distribución, pasando polas tarefas de ilustración e maquetación.

PUBLICIDADE